Unha despedida de solteiro entre golpes, botellazos e insultos que acabou con cinco condenados
Por Natalia Puga
Cinco persoas foron sido condenadas como autores de delitos de lesións polos golpes que propinaron a dúas camareiras e un cliente do restaurante Abuelo Pintos de Barro no transcurso dunha pelexa multitudinaria mentres celebraban unha despedida de solteiro.
Os cinco chegaron a un acordo coa Fiscalía e, tras confesar os feitos, foron condenados coa súa conformidade polo tribunal da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.
A sentenza, que xa é firme, condena a tres mulleres e dous homes naturais de Marín, Barro e Campo Lameiro. Ás tres mulleres condénalles por un delito de lesións leves a un mes de multa a razón de 5 euros diarios, isto é, 150 euros.
Aos dous homes condénalles a nove meses de multa cunha cota diaria de 5 euros, isto é, 1.350 euros, como autores dun delito de lesións no que concorren a circunstancia agravante de abuso de superioridade ou do auxilio doutras persoas que debiliten a defensa do ofendido ou faciliten a impunidade do delincuente
Ademais, os dous homes deberán pagar indemnizacións de 2.582 e 3.600 euros ao cliente lesionado, que se meteu na pelexa porque entrou en defensa dunha das camareiras que estaba a ser atacada e recibiu os golpes máis duros, que lle deixaron secuelas.
Os feitos ocorreron sobre as catro e media da madrugada do 11 de agosto de 2019. Un número moi elevado de mozos e mozas que estaban xuntos porque celebraban unha despedida de solteiro trasladáronse ao bar Abuelo Pintos para continuar coa festa e, unha vez alí, algúns comezaron a facer moito ruído cos vehículos de motor e a impedir ou dificultar a saída dos clientes do aparcadoiro situado nas inmediacións do bar.
Unha das camareiras do local saíu para recriminarlles a súa actitude e iniciouse un enfrontamento verbal no que uns e outros romperon botellas de cervexa contra o chan. Ademais, polo menos un deles díxolle á moza e á súa compañeira de traballo "zorras, hijas de puta, niñatas, no tenéis media hostia, no valéis para nada".
A camareira que saíra en primeiro lugar regresou ao interior do bar e a súa compañeira foi ao almacén para chamar ao seu xefe. Nese instante entraron no bar tres mozas e dirixíronse directamente cara á traballadora. Unha colleu un cinceiro que había no local e díxolle "te lo voy a reventar la cabeza" e as tres xuntas agarrárona polo pescozo, tiráronlle do pelo e propináronlle diversos golpes por todo o corpo.
Un cliente achegouse para evitar a agresión, pero nese momento entraron no local un gran número de persoas entre as cales estaban os dous mozos agora condenados.
A partir de aí, iniciouse unha pelexa xeneralizada con numerosos contendentes no que estes dous mozos dirixíronse ao citado cliente e propináronlle un golpe directo na cara e varias patadas mentres estaba no chan, alcanzándoo na cabeza, na cara e en diversas partes do seu corpo. Ademais, un deles colleu unha cadeira e tentou agredilo.