Unha vítima do exhibicionista de Lourido: "Non comprendo como vou poder sentirme segura de agora en diante"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
"Sinto como se toda a confianza en min mesma e que logrei ao longo da miña existencia foi roubada e pisada. Non comprendo como vou poder sentirme segura de agora en diante cando, precisamente, foi un representante encargado da protección da cidadanía quen me fixo sentir así, agredindo a miña intimidade ao igual que fixo con moitas de vos".
A que fala é unha das seis mulleres que nas últimas semanas denunciou que foi vítima dos comportamentos do coñecido como exhibicionista de Lourido, un home, axente da Policía Nacional de profesión, que, segundo relataron as seis vítimas, se masturbaba mentres as observaba e tamén lles fixo fotos en topless.
O seu relato leuse este sábado na praza da Peregrina de Pontevedra. Non foi ela mesma, senón unha integrante do Colectivo Feminista de Pontevedra no marco dunha concentración organizada por esta asociación para apoiar ás vítimas e denunciar as situacións de acoso sufridas.
O colectivo quixo darlle voz ás vítimas porque considera que é "moi importante" que se saiba "o dano que este tipo de agresor fai, máxime cando é Policía Nacional". A través da súa carta, ela trasladou esa dor: "Isto é a vida real, non un mal soño no que berras e non consegues que a túa voz saia a berros".
A moza, ademais, pediu que a súa voz, e a de todas as vítimas deste agresor, "soe alto e claro" e tamén tivo unhas palabras para as autoridades, ás que pide "no nome de todas, xustiza".
A concentración, realizada ás sete da tarde deste sábado, forma parte da política deste colectivo de denunciar as agresións que sufren as mulleres pontevedresas e darlle apoio a todas as vítimas. Neste caso, puxeron o foco en que ningunha lei contempla a forma de actuar deste home como unha agresión, senón como unha sanción administrativa, ao ser tipificado como un acto de exhibición.
Esta forma de violencia que "atenta contra a intimidade e a liberdade individual das mulleres" non está recollida como un delito, xa que o artigo 37.5 da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá indica que é infracción leve.
Nesta ocasión, despois da denuncia dunha das mozas, o resto atrevéronse a denunciar tamén, algunha delas mesmo un caso do ano 2018, de maneira que o colectivo lamenta que deran o paso e agora "non poidan levar a este agresor ante un tribunal". Chaman a atención sobre o feito de que "o medo e o silencio fai que milleiros de mulleres non se atrevan a denunciar" e agora que o fan, ven este resultado.
"Cal é a mensaxe que lanzamos á sociedade? Que nos poden agredir e saír impunemente? Que eles nos poden agredir e non van ter consecuencias máis aló dunha sanción administrativa?", pregúntanse desde este colectivo a través dun manifesto lido na Peregrina.
Engaden que "estamos fartas de escoitar campañas publicitarias onde se nos anima a que denunciemos para que logo agresións coma estas que atentan directamente contra a nosa liberdade individual queden en meras sancións administrativas".
Ademais, queren poñer o foco en que o suposto agresor é policía e piden un protocolo que estableza que se algún membro das Forzas de Seguridade ten denuncias por acoso, agresión ou exhibicionismo sexa retirado de inmediato do seu cargo.
Relacionadas:
-
Alertan da presenza dun exhibicionista na zona de Pasarón
Por Natalia Puga |
-
Os delitos sexuais poñen ao feminismo en loita e á Policía en alerta
Por Natalia Puga |
-
O Consello Municipal da Muller renunirase o vindeiro 2 de novembro
Por Redacción |
-
Concentración feminista en apoio ás vítimas do exhibicionista de Lourido: "Unha agresión non pode ser sanción"
Por Redacción |
-
O Colectivo Feminista dá un paso á fronte e visibilizará casos de machismo na cidade
Por Redacción |
-
Recollen outra denuncia dunha nova vítima das accións do exhibicionista de Lourido
Por Redacción |
-
Denuncian un pontevedrés por masturbarse e sacar fotos a mulleres en topless na praia de Lourido
Por Natalia Puga |