O PP de Barro critica o "problema de seguridade dos escolares" con motivo das obras na Praza de San Amaro
Por Redacción
As obras de mellora da Praza de San Amaro e as súas consecuentes restricións de tráfico na estrada EP-0508 están supoñendo, para o Partido Popular de Barro, "un problema de seguridade para os menores escolares do Concello".
Concretamente para o alumnado dos lugares da Áspera (Portela) e Bretoña (Curro), que viron modificada a súa parada de autobús á estrada comarcal 550, "nun sitio que non dispón de beiravía para a parada do autobús, o que obriga a este nos momentos de entrada e saída dos nenos para estar parado obstaculizando a circulación co consecuente perigo que iso implica para os vehículos e para os nenos que corren o risco de ser embestidos ou atropelados mentres acceden ou saen do autobús", manifestan os populares.
Segundo o PP, todo isto é consecuencia da "imprevisión do alcalde e Grupo municipal do Concello de Barro e da Deputación Provincial de Pontevedra, implicando un serio perigo que ademais supón o incumprimento e infracción das normas sobre paradas e estacionamentos da lexislación sobre seguridade viaria e transporte escolar".
A toda esta situación engádese tamén "a falta de luz na zona e que os menores deben camiñar sobre un quilómetro por unha estrada que ten unha beiravía de só uns 30 centímetros", polo que dende o Partido Popular explican que se puxeron en contacto cos responsables da Consellería de Educación, e "informáronnos que non se lles notificou nada e non teñen coñecemento desta situación".