O GALP busca achegar o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola aos centros de secundaria
Por Redacción
O GALP Ría de Pontevedra presentou este venres un proxecto para trasladar ao alumnado as posibilidades que ten o sector pesqueiro, e en concreto a economía azul, para que así coñezan as oportunidades formativas e laborais que ofrece e formar parte do relevo xeracional.
Baixo o nome Relevo2 Mocidade Abordo, a actividade foi presentada no Sagrado Corazón de Placeres da man da presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores, a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto, e do oceanógrafo, David Torres, que forma parte da asistencia técnica do proxecto, xunto ás tamén oceanógrafas María Calvo e Yolanda Ruiz.
Nel participarán aló menos oito centros de secundaria e 345 rapaces e rapazas da contorna da Ría de Pontevedra, dos que sairán "as apostas cara o futuro do territorio vinculado a un medio sostible e que proporcione un medio de vida con futuro ás novas xeracións", explicou Laura Nieto. "O GALP Ría de Pontevedra dá continuidade de forma cooperativa con outros GALPs ao labor que xa comezou no ano 2018, difundindo as oportunidades de emprego que achega a economía azul ao territorio e este modelo de desenvolvemento á mocidade".
Deste xeito, entre outubro e decembro o alumnado de cuarto da ESO dos centros de secundaria (IES de Sanxenxo, Sagrado Corazón de Placeres, IES de Poio, IES Abrente, IES Johan Carballeira, IES Mestre Landín, IES Meaño e IES Chan do Monte) estarán nas sesións nos centros de ensino e nas visitas, tendo a oportunidade de coñecer e ter acceso a profesionais e entidades de relevancia do sector pesqueiro.
O programa divídese en tres bloques principais centrados na pesca e acuicultura, a transformación e a comercialización, e o turismo. Dentro de cada bloque traballarán contidos a través de sesións de formación e divulgación ou mediante a visita de diferentes persoas profesionais do sector.
En total, ata 50 IES dos territorios dos seis GALPs (Ría de Pontevedra, Ría de Vigo - A Guarda, Ría de Arousa, Golfo Ártabro Sur, Golfo Ártabro Norte e A Mariña – Ortegal) impulsores de RELEVO2 participan nun proxecto que chegará a máis de 2.000 alumnos e alumnas.
Relacionadas:
-
A accesibilidade e protección dunar en Areas será mellorada cunha axuda do GALP
Por Redacción |
-
A Lonxa de Campelo fai un balance positivo da implantación dunha app para xestionar o marisqueo
Por Oskar Viéitez |
-
O GALP subvenciona 27 novos proxectos para potenciar a actividade económica na ría
Por Redacción |
-
O proxecto da Lonxa de Campelo para adquirir un autocargador de algas, o máis puntuado para as axudas do GALP
Por Redacción |
-
Récord de solicitudes para as axudas que xestiona o GALP Ría de Pontevedra
Por Redacción |