Tráfico operará na súa nova sede de Campolongo a partir deste luns
Por Mónica Patxot & Redacción
Este luns 25 de outubro, ás 8:30 horas, abrirá as súas portas ao público a nova sede da Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra.
As novas oficinas están localizadas no Complexo Campolongo, con acceso desde a praza Veiga da Eira, número 8.
Deste xeito, deixa de estar operativa a sede de Joaquín Costa, e a atención ao público trasládase á indicada zona de Campolongo, a poucos metros do edificio central da Xunta en Pontevedra.
Desde a Xefatura de Tráfico infórmase de que os teléfonos de contacto, direccións de correo electrónico, horario de atención ao público e esixencia de cita previa non sufrirán variación.
Deste xeito, manterá a súa apertura ao público de luns a venres en horario de mañá, de 8:30 a 14:30 horas, e tamén de tarde os xoves, de 15:30 a 17:30 horas.
Este traslado permite resolver os problemas de carencia de espazo que ofrecían as oficinas anteriores e mellorar a accesibilidade, ao eliminarse totalmente as barreiras arquitectónicas que existían na outra sede.
Entre os trámites máis frecuentes que se poden realizar na Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra atópanse os relacionados con vehículos dirixidos á cidadanía e a empresas, como transferencias, altas e baixas de vehículos ou matriculacións.
Nestas oficinas tamén se ofrecen servizos relacionados coa obtención, renovación e duplicado dos permisos de condución, ademais da xestión de trámites sobre os puntos do carné de conducir ou a realización dos exames e probas de aptitude. Precisamente o mércores día 27 de outubro, a nova sede acollerá os primeiros exames de aptitude.