O alcalde Lores recibe no seu despacho a dous referentes en modelos de transformación urbana
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este venres no seu despacho a dous dos relatores que participaron o xoves nun coloquio do ciclo de conferencias Urbtopías. O arquitecto impulsor da Fundación Arquitectura e Sociedade, Francisco Mangado, e o exdirector executivo de ONU Hábitat, Joan Clos, compartiron a mañá co rexedor pontevedrés que, despois de saudalos no seu despacho, paseou con eles por diversos espazos da cidade.
Na conferencia celebrada onte no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, na que tamén participou o alcalde, debateron sobre a importancia da planificación da cidade para a recuperación dos espazos públicos e evitar que caian "en mans de intereses privados", recalcou Mangado.
Á crise ambiental referiuse no seu discurso Joan Clos para destacar que Pontevedra soubo soportala, pero advirte que estes logros son reversibles, polo que as icudades sempre están en risco de retroceder e perder en calidade urbana.
Despois de completar unha volta polas principais prazas, parques e rúas da cidade, o rexedor explicou o motivo desta recepción. "Non queremos estancarnos e queremos coñecer opinións e o que se está facendo no mundo para seguir avanzando", afirmou.
Con todo, ambos os expertos coincidiron ao sinalar a Pontevedra como unha referencia para esta transformación urbana. "O modelo de Pontevedra é coñecido en moitas partes do mundo, comentado e imitado", dixo Joan Clos. Mentres que Mangado quixo poñer en valor a "enorme e magnifica calidade do espazo público da cidade" e sostén que "Pontevedra é paradigma de recuperación do espazo público, que é un mecanismo para crear riqueza".
Relacionadas:
-
Acordo entre a Escola de Arquitectura da Coruña e o Concello para fomentar Pontevedra como "fogar público"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
Encontro de Lores en París para debater sobre o futuro das cidades
Por Redacción |
-
"As cidades do futuro pareceranse moito a Pontevedra. Deben ser espazos de convivencia"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Hai que recuperar o papel do público. Non podemos deixar a cidade nas mans de intereses privados"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |