Acometen obras no Templo Vello para acabar coas humidades e restaurar as campás
Por Redacción
A segunda fase das obras de restauración do Templo Vello de Marín comezarán nos próximos días. Neles, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, investirá 150.000 euros.
Os traballos buscan resolver os problemas de humidade, actuando sobre o exterior da basílica.
Concretamente, limparase a fachada principal, restaurarase a portada principal e as portas exteriores, redefiniranse os elementos da fachada sur e mellorarase o rexuntado. Ademais, está previsto que se leve a cabo a restauración das campás.
As obras contan cun prazo de execución de seis meses.
A primeira fase da restauración levouse a cabo no 2017, coa que se conseguiu eliminar as filtracións de auga e mellorar a ventilación, acadando mellores condicións ambientais no interior do templo. Nelas xa se investiran 60.000 euros.
A Igrexa de Santa María do Porto é un ben catalogado que emerxe sobre un promontorio preto do porto e iniciou a súa construción en 1603, baixo a dirección do mestre García Arce.
Desde a parroquia explican que, coa fin das restricións sanitarias, a partir do mes de novembro volverá celebrarse culto e desde este domingo, os rapaces que están a preparar a confirmación terán a catequese neste templo ás 11.00 horas.