A Deputación valora como "absolutamente insuficiente" a proposta da Xunta para crear unha subsede dos GES en O Grove
Por Oskar Viéitez
O deputado Carlos Font, representante da Deputación de Pontevedra na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), cualificou este xoves de "absolutamente insuficiente" o paso dado pola Xunta de Galicia anunciando a creación dunha subsede no concello do Grove.
Engade que esta subsede tamén "sería unha decisión discriminatoria co Grove" e "profundamente contraditoria" xa que a Xunta pretende "crear medio GES" na localidade meca con 6 integrantes cando o actual Grupo Municipal do Grove dispón de 13 compoñentes.
"A Xunta nos di na mesma xuntanza que só quere que haxa bases GES con dotacións completas para acabar coas subsedes e que quere facer unha excepción co Grove. Por que A Estrada e Lalín si e O Grove non? E di, ademais, que tódolos grupos municipais, agás O Grove, deben ter o mesmo financiamento que os integrados no sistema GES. Por que Sanxenxo e Ponteareas si e O Grove non? Se había sospeitas máis que fundadas de que o tratamento que a Xunta dá ás bases dos GES garda relación coa cor política dos concellos nos que se asentan ou se pretenden asentar, quedaron completamente despexadas", indica o deputado provincial.
A Deputación presentará unha proposta alternativa "máis funcional, racional, rigorosa e equilibrada" para axudar a cubrir o mapa das emerxencias da provincia "e tratando a tódolos territorios con equidade".
Ademais, Font recalca que "unha vez máis a Xunta invita e a Administración local paga, neste caso por partida dobre: directamente coas partidas que achegan deputacións e concellos con fondos propios e indirectamente coas que se lles retiran do Fondo de Cooperación Local. E todo elo sen esquecer nunca que a Xunta saca o resto dos cartos do sistema de emerxencias do canon eólico, un imposto que debería ir integramente aos concellos afectados polos parques, e que acaba, de xeito espurio, no peto da Xunta", sentenciou o deputado provincial socialista.
Relacionadas:
-
O GES do Grove, motivo de discordia entre a Deputación e a Xunta
Por Redacción |
-
O PP reclama á Deputación que incremente os cartos destinados aos GES
Por Oskar Viéitez |
-
Críticas do PP á negativa de ampliar os GES da provincia
Por Redacción |
-
O GES do Grove contará con seis traballadores
Por Redacción |