Un 'ollomóbil' renovado volve controlar os aparcamentos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Tras ano e medio sen saír á rúa, debido ás súas continuas avarías, o 'ollomóbil' volverá patrullar por Pontevedra. Será cun sistema renovado que, ademais de contar cun software actualizado, permitirá que se poida instalar en calquera coche policial.
Con esta medida, o goberno municipal quere que Pontevedra "volva á normalidade" e, despois de que a Policía Local "priorizase" o control das medidas sanitarias, retomarán o control dos aparcamentos "para contribuír á que a cidade funcione ben".
En Pontevedra, segundo a edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, é "pecado mortal" aparcar encima dunha beirarrúa ou sobre un paso de peóns, utilizar as zonas de carga e descarga sen estar habilitado para iso ou non respectar os tempos nas áreas reservadas para servizos.
O novo sistema, que se atrasou por "axustes" na tecnoloxía, funcionará con dúas cámaras que permitirá controlar ambas as beirarrúas dunha rúa ao mesmo tempo, cun ángulo de control de 200 graos. Lerá as matrículas dos coches, gravándoos con videocámara.
Podería funcionar cunha única cámara e que haxa dous coches vixiando a cidade ao mesmo tempo, algo que se decidirá en función das necesidades ou da dispoñibilidade de persoal da propia Policía Local, aclarou o xefe do corpo municipal, José Manuel Duarte.
O 'ollomóbil' detectará en dúas pasadas "quen leva máis ou menos tempo" en cada aparcamento. Rexistra de maneira automática as matrículas e comunícase coa base de datos de Tráfico, polo que os axentes poderán saber a información de cada coche e, por exemplo, se este foi roubado, se cometeu algunha infracción ou saber se ten ITV ou seguro.
Os axentes, igual que ata o de agora, imprimirán a denuncia e colocarana no parabrisas do coche cuxo condutor excedese os tempos permitidos para que o condutor, segundo Duarte, "saiba que foi denunciado e se poidan corrixir as condutas infractoras".
O Concello investiu 16.600 euros neste novo sistema para o 'ollomóbil', que se reactivará xa mesmo ante a "relaxación" detectada entre os condutores nos últimos tempos con respecto a estas zonas especiais de aparcamento.