Denuncia de Vaipolorío contra Red Eléctrica Española pola corta de vexetación de ribeira en Bertola
Por Redacción
Xosé Manuel Feijoó Bernárdez, secretario da asociación Vaipolorío, presentaba nas últimas horas unha denuncia contra a empresa Red Eléctrica Española como causante dunha corta de vexetación de ribeira na contorna do río Gafos, ao seu paso por Bértola, no municipio de Vilaboa, onde o colectivo ecoloxista realiza traballos de limpeza e mantemento da contorna natural.
Segundo a denuncia presentada #ante Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta actuación realizábase nas proximidades dun poste de tendido eléctrico desta empresa. Esa limpeza conlevou a eliminación de maneira "indiscriminada" de vexetación ripícola nas dúas marxes do río ao longo de 50 metros seguindo os terreos polos que atravesa a liña.
Vaipolorío entende que esta intervención non respectou o disposto na Lei 7/92 de Pesca Fluvial nin o decreto do Regulamento de Ordenación de Pesca Fluvial e dos Ecosistemas Acuáticos Continentais.
Consideran que non se respectaron os catro metros de altura que debe manter a vexetación arbórea de ribeira e os traballos centráronse en realizar unha corta a rentes do chan, destruíndo o bosque de galería nas dúas marxes, co prexuízo que supón para o desprazamento da fauna e flora ligada ao ecosistema fluvial, segundo consta na denuncia presentada por rexistro.
Ademais, Xosé Manuel Feijoó afirma que esta corta non é a primeira vez que se produce e a asociación xa presentara outra denuncia por danos similares nese mesmo espazo.