Aprobados no pleno máis de seis millóns de euros en gastos e ingresos para os orzamentos deste 2021
Por Redacción
A sesión plenaria de carácter extraordinario celebrada este martes en Bueu finalizou coa aprobación dos orzamentos do Concello para este 2021. A proposta contou cos votos favorables do grupo de goberno, integrado por BNG e ACB; o PP votou en contra e o PSOE ausentouse.
A portavoz do Partido Popular, Elena Estévez, lamentou que o documento chegara a pleno cando está a finalizar o ano e denunciou a falta de previsión do equipo de goberno.
Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde da vila, considera que se trata dunhas contas axustadas á situación actual e mostrou a súa satisfacción por ser os primeiros orzamentos que se aproban sen débeda financeira. O rexedor sinalou que, co paso dos anos, os concellos están a asumir servizos e obras que lle corresponden á Xunta de Galicia en departamentos como servizos sociais, obras nos centros educativos ou no Centro de Saúde. Apuntou a que estes orzamentos mostran un incremento de políticas sociais para a cidadanía, marcada pola situación derivada da pandemia.
O orzamento sitúase en 6.575.000 euros no capítulo de gasto e 6.623.301 euros no apartado de ingresos. En gastos inclúese persoal, compras correntes de bens e servizos, intereses, transferencias correntes, investimentos reais, transferencias de capital, pasivos financeiros e amortización de préstamos.
En canto aos ingresos atópanse impostos e taxas municipais, subvencionnes doutras administracións como a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
Ademais, neste pleno, aprobáronse os festivos locais de 2022, que serán o 16 de xullo, festividade do Carme; e o 11 de novembro, coa celebración de San Martiño.