Poio pasa a Caixabank en resposta ao peche da oficina de Abanca de Campelo
Por Redacción
O Concello de Poio rubricou coa entidade bancaria Caixabank un convenio para realizar xestións que ata o de agora se levaban a cabo con Abanca. O alcalde, Luciano Sobral, foi o encargado de asinar o acordo que afecta a cuestións como, por exemplo, a tramitación de pagos correspondentes a recibos que se emiten a través do ORAL e que non están domiciliados.
"Este feito non afecta ás xestións habituais que realiza a veciñanza, o único que cambia é a entidade bancaria", explica o rexedor. A partires de agora, as persoas que non teñan domiciliados os recibos poderán efectuar estas xestións nas oficinas das que dispón Caixabank na Avenida da Barca, na parroquia de San Salvador.
Esta é unha das medidas aplicadas pola administración local como resposta á decisión de Abanca de pechar a súa sucursal de Campelo. A raíz diso, todos os grupos da corporación acordaron no pleno de agosto, de xeito unánime, impulsar varias actuacións entre as que se incluían, ademais de mobilizacións e campañas informativas, buscar outras entidades bancarias para a realización de xestións como o pago de recibos.
Doutra banda, o Concello xa fixo tamén efectiva a retirada de fondos que tiña depositados en Abanca, cuxa contía total ascendía a tres millóns de euros.
Na oficina de Campelo, a día de hoxe, só se poden facer xestións no caixeiro automático que Abanca deixou alí habilitado, pasando o servizo presencial a Combarro. O líder do goberno local lamenta que a entidade bancaria fixese “caso omiso” da demanda da cidadanía e levase igualmente a cabo o peche, que “é unha consecuencia da privatización das caixas galegas”.
Durante as negociación entre o Concello e Abanca, a entidade financieira unicamente comprometeuse a habilitar un caixeiro automático en Raxó, unha actuación moi demandada pola veciñanza desde hai anos, pero que “en ningún caso compensa o prexuízo xerado en Campelo”, advirte o alcalde.
“Desde 2013 ata o de agora deixamos de contar con oficinas en lugares tan importantes como o núcleo de Raxó, Sartal e, agora, Campelo. Este trato non é de recibo, máxime cando falamos dun concello de máis de 17.000 habitantes e cunha gran relevancia a nivel turístico”, concluíu Sobral, que fai fincapé no feito de que o servizo presencial é especialmente necesario para “persoas maiores e cidadáns que non dispoñen de medios para desprazarse”.
Relacionadas:
-
Todos os grupos políticos de Poio instan ás entidades bancarias a garantir unha atención axeitada a persoas maiores
Por Redacción |
-
Un caixeiro automático non soluciona os problemas provocados por Abanca en Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
Aviso de Poio a Abanca: "Estamos en pé. A oficina de Campelo non se pecha
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |