A área sanitaria queda sen pacientes de covid hospitalizados en planta
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde notifica este martes 19 de outubro 36 pacientes con infección activa de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Son tres pacientes máis que onte luns
Nas últimas 24 horas confirmáronse sete novos casos nas probas diagnósticas de infección activa practicadas.
Non hai pacientes hospitalizados en planta nos hospitais da área sanitaria. Queda un só paciente ingresado en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo.
O resto dos que contraeron o virus, 35 casos, atópanse illados nos seus domicilios con sintomatoloxía breve ou asintomáticos.
Desde o inicio da pandemia 21.228 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19. Nas últimas 24 horas curáronse outras 5 persoas.
Durante a pandemia rexistráronse 205 falecementos asociados ao virus nesta área sanitaria.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 305.996, 209 nas últimas 24horas. A estas probas súmanse as 146.054 probas de antíxenos e outras 109.785 probas de detección realizadas ata a data.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 432 deles 140 son da área da Coruña, 45 da de Lugo, 49 da de Ourense, 36 da de Pontevedra, 77 da área de Vigo, 70 da de Santiago e 15 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 9 están en UCI, 25 en unidades de hospitalización e 398 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 179.738 persoas curadas, rexistrándose 2.648 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.874.023.
O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.412.646.