A vacinación antigripal empeza hoxe polo persoal dos centros sanitarios
Por Redacción
Este luns empeza a campaña de vacinación antigripal, que se estenderá ata finais de decembro.
A Xunta investirá preto de 5,3 millóns de euros para adquirir máis de 885.000 doses, que serán distribuídas nos máis de 900 puntos de vacinación despregados, entre centros de saúde, hospitais e residencias.
Como principal novidade, por primeira vez este ano e para mellorar a xestión, a vacinación será secuencial.
Así, este luns 18 de outubro comezará a inoculación ao persoal de centros sanitarios públicos e privados.
Na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés establecéronse puntos de vacinación no Hospital Montecelo, Provincial, O Salnés e no centro de especialidades de Mollabao.
A partir do 25 de outubro será a quenda dos de 65 e máis anos e persoas en centros ou residencias.
Desde o 15 de novembro vacinarase ás persoas de 60 a 64 anos, maiores de 60 con patoloxías de risco, embarazadas e prematuros de ata 2 anos e persoal de servizos esenciais e farmacias.
E, por último, desde o 29 de novembro continuarase co resto da poboación diana sen vacinar e conviventes con persoas de risco.
Esta é unha campaña da gripe distinta, xa que en paralelo se administrará a determinados colectivos a terceira dose da covid, logo de que o Ministerio decidise inoculala aos maiores de 70 anos.