O PP de Poio pide ao Concello que regule as vivendas e apartamentos turísticos
Por Redacción
O PP de Poio solicitou este sábado ao Goberno local que solucione o problema producido pola falta de regulación de aloxamentos turísticas no Concello "para así poder protexer a propietarios e veciños e garantir que haxa seguridade xurídica e as mesmas oportunidades" nunha actividade cada vez máis estendida.
A concelleira do PP, Rocío Cochón, explicou que a problemática afecta ás actividades do "Decreto da Xunta 12/2017 de 26 de xaneiro, polo que se regulan os apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico en Galicia"; que non están incluídas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Poio.
Cochón explicou que "pese a que en Poio non están reguladas, cada vez temos un número maior de vivendas e apartamentos turísticos", e por iso desde o PP piden ao Goberno local "que bote man do asunto e solucione este baleiro normativo, de xeito que se proporcione seguridade xurídica a toda a veciñanza".
"É necesario aplicar os mesmos criterios a todos os veciños; non pode ser que a uns se lle emita autorización dende o Concello e a outros non, porque entón a xente se preguntará se pesan máis os criterios políticos que os técnicos", dixo a concelleira popular.
A edil do PP destacou que é un problema que xa ven desde hai tempo (a normativa autonómica ten máis de catro anos) "e cada vez vai a máis".