Estrea sen grandes complicacións no corte de tráfico da Barca
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O corte ao tráfico dun dos carrís da ponte da Barca superou as primeiras horas sen complicacións, segundo informou o voceiro da Policía Local.
Os axentes municipais despregaron un operativo co que se tratou de resolver sobre o terreo posibles incidentes. Destapados xa os novos sinais de tráfico, ás 9:30 da mañá colocáronse os valos que impedían a saída cara a Poio, e a continuación se repetía a manobra na rúa Alfonso XIII, nos seus dous extremos, na glorieta de Concepción Arenal e na de Paseo de Colón.
Durante toda a mañá o tráfico discorreu fluído e os axentes informaron os condutores dos novos cambios na circulación urbana. As principais consultas xiraban sobre os itinerarios alternativos de saída e os accesos á ponte das Correntes e á rúa Alfonso XIII. Sobre este último aspecto, durante os dous meses que se espera que duren estes cambios, poderán entrar nesta rúa residentes, servizos e puntualmente os pais dos alumnos dos colexios desta zona.
Precisamente o que máis preocupaba aos responsables municipais era a resposta dos condutores a mediodía, coincidindo coa saída dos colexios, e aínda que houbo algunha protesta "pola incomodidade do novo sistema" o trance resolveuse sen excesivos atoamentos. Loxicamente a avenida de Uruguai e a ponte das Correntes rexistraron un maior tráfico de vehículos. Pola contra outros viais coma Echegaray viviron unha estampa inusual con poucos coches e moitos despistados que tiveron que desviarse por Paseo de Colón.
Si houbo máis incidencias no municipio de Poio onde o desvío autorizado pola Xunta na rúa Antelo Mariño e a rede viaria da Caeira provocaron elevado volume de vehículos por esta zona, o máis inusual foi o paso de camións de gran tonelaxe.
ATOAMENTOS A PARTIR DAS 20:00 HORAS
O segundo momento crítico advertido dende a Policía Local de Pontevedra viviuse a partir das 20:00 horas.
Durante hora e media a zona de Orillamar e a avenida de Domingo Fontán soportaron unha forte presión de tráfico que obrigou os axentes municipais a dirixir o tránsito na rotonda de saída da ponte das Correntes.
A circulación era lenta e con cortes puntuais. A presión do trafico estendeuse ata a zona do nó de Bombeiros.
Tanto a Policía Local de Pontevedra coma a de Poio subliñaron a normalidade coa que se desenvolveu esta primeira xornada.
Relacionadas:
-
O alcalde de Poio rexeita o corte de tráfico na ponte da Barca imposto "unilateralmente" por Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O PP esixe a apertura "inmediata" ao tráfico de saída na ponte da Barca
Por Redacción |
-
Estudan que os cambios na circulación aplicados no contorno da Barca sexan definitivos
Por Alejandro Espiño |
-
A Policía Local teme complicacións do tráfico polo corte do carril de saída da Ponte da Barca
Por Redacción |
-
A partir do martes 22 e durante 2 meses, a Ponte da Barca será só de entrada por obras en Poio
Por Redacción |