A solvencia económica de Portas permite anular un crédito solicitado no ano 2012
Por Redacción
O Concello de Portas cancela o crédito que solicitou ao Banco Santander no ano 2012. Cos votos de tódolos edís, agás do BNG que se abstivo, a operación suspenderase debido a "estabilidade orzamentaria e a solvencia económica" que permitiu rematar as contas do ano 2020 cun remanente de tesourería de 485.400,41 euros.
Deste xeito, o Concello libera nos orzamentos municipais, para o ano 2022, o importe restante do crédito, que ascende a un total de 111.130,41 euros, uns 73.000 euros que estaban comprometidos para atender a amortización deste crédito subscrito pola Corporación Municipal do ano 2012 por importe total de 591.000 euros e que íase pagando anualmente desde as arcas municipais.
Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, "a solvencia e estabilidade económica" na que se encontra Portas actualmente, libera o compromiso orzamentario e poderá empregar eses cartos para "atender cuestións de índole social e a mellorar infraestruturas municipais, moi necesarias e que nos permitirán mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas".
Ademais, Martínez defendeu o modelo de xestión económica do equipo de goberno actual "que nos permite atender en tempo e forma a tódolos provedores ao tempo que podemos concurrir ás subvencións doutras institucións e utilizar dun xeito máis eficaz e eficiente os recursos económicos do Concello para non gastar máis do que temos.