Cerponzóns celebrará o Día das Mulleres Rurais cun pase do espectáculo "Lavandeiras", de Vero Rilo
Por Redacción
O Centro Social de Cerponzóns acollerá o domingo 24 de outubro ás 19 horas un acto conmemorativo organizado pola concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais.
Os asistentes ao evento poderán gozar do espectáculo Lavandeiras, da artista Vero Rilo, nunha actuación coa que se pretende renderlles homenaxe ás mulleres do rural e visibilizar que sostiveron e sosteñen en gran parte a vida dos pobos e, ao mesmo tempo, achegar a cultura ás parroquias.
A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, explica que "este acto é de xustiza xa que en Galicia resulta case imposible entender o rural sen falar da figura das mulleres".
Lavandeiras é un espectáculo onde a narración oral se mestura coa música ao vivo e o teatro para dar lugar a unha proposta que lles devolva ás donas dos ríos o recoñecemento que poucas veces tiveron. Pasando de camiño polo folclore, o humor, as historias reais e o cancioneiro popular, Vero Rilo achega unha actuación chea de emoción acompañada por Carlos Quintá no eido musical.
O 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, é unha data instaurada pola Organización de Nacións Unidas (ONU) na que se conmemora e recoñece a función e contribución decisivas da muller rural á promoción do desenvolvemento agrícola, á mellora da seguridade alimentaria e á erradicación da pobreza.
O acto terá entrada de balde ata completar o aforo do Centro Social de Cerponzóns e a concelleira avanza a súa intención de que “a Concellería de Igualdade e o CIM retomen a programación de actividades para mulleres nas parroquias pontevedresas”.