Repunta de solicitudes de axudas á dixitalización do sector turístico a dez días do seu peche
Por Mónica Patxot & María José Pita
O vindeiro 25 de outubro pecha o prazo de solicitude da liña de subvencións ao sector da hostalería para a promoción da dixitalización e o marketing dixital.
A falta de dez días para este remate, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, facía un recordatorio a aquelas empresas interesadas en acollerse a estas axudas nunha visita ao Hotel Rías Bajas de Pontevedra, xestionado pola empresa Matías de Cabo e Hijos SL, que recibiu unha achega de case 30.000 euros para investimentos centrados na modernización das súas instalacións ao abeiro da anterior convocatoria para a mellora das infraestruturas e dos aloxamentos turísticos.
O propietario do Hotel Rías Bajas, Matías de Cabo, explicaba algunhas das obras que realizaron e que tamén viñeron marcadas pola pandemia da Covid, como a renovación da instalación eléctrica, do sistema de detección de lumes, a retirada de todas as moquetas e colocación de tarima flotante nas habitacións das súas catro plantas, renovación das televisións e mellora da accesibilidade cunha plataforma elevadora.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, destinará 6 millóns de euros nas presentes accións de promoción de dixitalización e márketing dixital orientadas principalmente á hostalería, co obxectivo de seguir afondando na reactivación do sector turístico e contribuír á súa recuperación tras as necesarias restricións derivadas da crise da Covid-19.
"Seguimos impulsando accións de mellora da competitividade para o sector turístico co obxectivo de superar os 120 millóns de euros en achegas no presente exercicio, xa que sabemos que son inxeccións moi importantes para superar o impacto da pandemia e para seguir incrementando os estándares de calidade dun sector económico fundamental, que se está a recuperar grazas ao esforzo de todos para consolidar a Galicia no destino de moda e de referencia en España e Europa no que se converteu nos últimos meses", manifestaba o representante autonómico.
Nesta visita tamén estivo presente o xefe de área provincial en Pontevedra da Axencia Turismo de Galicia, Felipe Ferrero, quen explicaba que "na rede provincial estamos tendo moitas consultas para informarse de que tipo de establecementos poden solicitalo, que serían hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamento, restaurantes, bares ou aos autónomos, pemes e micropemes do sector da hostalería que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e estean inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT)".
Estas consultas na provincia de Pontevedra están a incrementarse conforme se achega a data límite para a presentación de solicitudes, por iso é polo que desde a Xunta se anima ás empresas do sector a non esgotar os prazos e proceder á súa solicitude, xa que ademais lembra que estas axudas á dixitalización do sector turístico teñen o carácter de non competitivas, polo que se van atender a todas as solicitudes por orde de presentación, que poden alcanzar ata o 100% do investimento cun límite de 15.000 euros, e ata que se esgote a partida prevista.
Relacionadas:
-
RADIO.- O xornalista Lois Oreiro apela con 'Os mundos de agora' ao ser e estar en persoa
Por Marisa Ciordia |
-
A provincia rexistrou unha ocupación hoteleira do 75% na ponte do Pilar
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta concedeu 183.000 euros en axudas para 34 axencias de viaxes da provincia
Por Oskar Viéitez |