Un proxecto no que participa a facultade de Forestais busca como dar máis valor ás masas arbóreas sen valor comercial
Por Redacción
O grupo de innovación Biofore Plus, do que forman parte diferentes actores da cadea de valor forestal, agrícola e gandeira, entre eles a Escola de Enxeñaría Forestal, celebrou este mércores no centro do campus de Pontevedra a reunión de peche dun proxecto dirixido a explorar diferentes vías para dotar dun maior valor a biomasa residual procedente de masas arbóreas sen valor comercial.
Dentro deste proxecto, segundo informou o DUVI da Universidade de Vigo, os investigadores da escola constataron a posibilidade de xerar biochar -carbón vexetal- a partir destes restos, un produto que podería destinarse, por exemplo, para a redución das emisións de amoníaco nos depósitos de xurros das explotacións gandeiras.
O proxecto está coordinado pola empresa Foresin e buscaba probar a eficacia dun cabezal acumulador de biomasa Nisula 285 e+ sobre maquinaria habitualmente empregada nos montes galegos e valorizar o produto obtido en ámbitos como o enerxético. Nesta tarefa centrouse o traballo do Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas da EE Forestal.
A reunión deste mércorse contou coa presenza da coordinadora do proxecto, Érika Martínez; os investigadores da escola Luis Ortiz e Óscar González Prieto; Juan Castro, investigador do CIAM, e Eduardo Tolosana, profesor da Politécnica de Madrid e coordinador dos traballos de campo; e o director, Juan Picos, e a subdirectora da EE Forestal, Ángeles Cancela.
O proxecto daba continuidade ao grupo de innovación Biofore e abrangueu en primeiro termo uns traballos de campo levados a cabo nunha masa de Pinus pinaster en Guitiriz, que presentaba un crecemento moi reducido; outra de Eucalyptus globulus en Ribeira, afectada por un incendio, e unha terceira, no concello de Leiro, invadida pola Acacia dealbata.
A escola pontevedresa fixo un estudo de "caracterización enerxética" destes tres tipos de biomasa, así como a súa comparación cos "parámetros físicos, químicos e enerxéticos" doutra serie de mostras previamente analizadas de restos de cortas forestais. Neste punto, o informe final destes traballos recolle que, nos tres casos, as pacas xeradas con esta maquinaria "teñen mellor calidade en todos os sentidos que as que se están empregando actualmente en instalacións industriais operativas na comunidade".
O informe conclúe que todos os produtos estudados teñen características perfectamente compatibles co uso enerxético.
Na EE Forestal comprobaron tamén que é posible xerar carbón vexetal e biochar cos tres tipos de biomasa analizados. Para a realización destas probas, construíuse un "forno pirolítico de deseño propio", baseado nun sistema de dobre reixa previamente patentado por Ortiz e desenvolvido co obxectivo de "empregar sistemas e materiais comúns e condicións facilmente reproducibles".
Alén das súas posibles aplicacións "con fins enerxéticos ou agrícolas", os resultados dos traballos fan posible valorar a utilización deste biochar "para a fabricación incluso de carbón activo, o que aumentaría de forma significativa o uso deste tipo de biomasa residual como materia prima para fabricar materiais tecnolóxicos, filtros, depuración, fertilización, etc".