A Subdelegación forma aos profesionais que traballan no eido da violencia de xénero
Por Redacción
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra impulsará este outono tres xornadas formativas sobre violencia de xénero que, baixo a batuta da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, que dirixe Manuela Vilaboy, están dirixidas a profesionais que traballen no eido da prevención da violencia de xénero e asistencia ás vítimas.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou este mércores o ciclo, que incluirá actividades os días 18 e 21 de outubro e 13 de decembro.
A primeira xornada será o próximo luns, 18 de outubro, coincidindo co Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos e contará coa participación de Mónica García García, fiscal adxunta da sección de Estranxeiría da Fiscalía Provincial de Pontevedra; Belén Rubido de la Torre, xuíza decana e titular do Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero; Silvia Pérez Freire, doutora en Socioloxía e profesora da Universidade de Vigo; Francisco Rentero, inspector xefe da UCRIF de Vigo (Unidade contra Redes de Inmigración Ilegal e Falsedade Documental) da Policía Nacional; Rubén Penín Ríos, sarxento xefe do Grupo de Homicidios e EMUME (Equipo de Muller-Menor) da Garda Civil; e Estefanía Bouzada, xefa da Dependencia de Traballo e Inmigración da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
A segunda xornada, o xoves 21 de outubro, será 'Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero'. Trátase dunha charla impartida por Juan Carlos Vázquez Rodríguez, xefe da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
A derradeira xornada celebrarase o luns 13 de decembro e centrarase na violencia de xénero no ámbito xudicial. Correrá a cargo de Belén Rubido de la Torre e Paula Blasco Muela, fiscal da Fiscalía de Vigo.
Maica Larriba destacouma importancia da formación, xa que permite "incorporar e formalizar" coñecementos que permitan avanzar cara a "unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias" tanto nos niveis técnicos como no conxunto da sociedade.
Na súa opinión é importante que as Administracións se impliquen na transmisión e poñer a disposición ferramentas e recursos a todos aqueles profesionais que traballan na primeira liña de loita contra a violencia de xénero. Neste caso, están pensadas para profesionais da provincia que traballen neste eido, desde as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado a ONGs, CIMs, servizos sociais ou persoal de Xustiza e abren tamén a porta a calquera persoa interesada.
Todas as xornadas serán gratuítas e terán lugar no Salón de Actos da Subdelegación do Goberno, polo que o aforo estará limitado. A reserva de prazas realizarase por rigoroso orde de inscrición. As inscricións deberán formalizarse a través do correo unidades_violencia.pontevedra@correo.gob.es, indicando no asunto o título da xornada á que se desexa asistir.
Relacionadas:
-
Preto de 500 fogares pontevedreses con menores viven nun ambiente de violencia de xénero
Por Natalia Puga |
-
Deteñen un home de 30 anos que agrediu violentamente a súa parella diante do fillo
Por Redacción |
-
Renovado o protocolo para a protección das vítimas de violencia de xénero en Bueu
Por Redacción |
-
Minuto de silencio polo crime de Mónica Marcos: "Unha vez máis a violencia machista acaba coa vida dunha muller"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Maica Larriba, tres anos de traballo para que "a voz da cidadanía entrase na Subdelegación"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, ante o 25N: 288 mulleres con máis dun agresor e 233 maltratadores con máis dunha vítima
Por Natalia Puga |
-
"O que nos debería preocupar moito como sociedade é como se relaciona a xente nova hoxe, como entenden a parella"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |