Os maiores de Portas xa se animan aos xantares populares
Por Redacción
O pavillón municipal de deportes de Portas converteuse este martes 12 nun lugar de reencontro. O Concello organizou o XXVIII Xantar da Terceira Idade coa idea de que fose un achegamento á normalidade aproveitando a celebración do Día da Virxe do Pilar.
O acto foi presidido polo alcalde Ricardo Matínez, que estivo acompañado por membros do grupo de goberno e pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia, Blanca García-Señoráns.
Completouse o aforo previsto por persoas maiores de 61 anos, que se atopan empadroados no municipio. Para participar era necesario contar cun certificado de vacinación fronte ao covid-19.
O acto contou coa actuación da Banda de Música de Lantaño e cunha misa de campaña. Ademais tamén houbo números de maxia e un monólogo humorístico durante esta festa que tiña como obxectivo representar a recuperación simbólica da normalidade despois das restricións derivadas da pandemia.