Volve celebrarse a festa da patroa na comandancia da Garda Civil, un corpo preocupado pola suba da ciberdelincuencia
Por Anxo Lourido
A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra volvía vestirse de gala e a recibir visitantes, aínda que en número moi reducido, para celebrar o día da patroa, a Virxe do Pilar, cun acto ao que asistían autoridades civís e militares, despois de que en 2020 se suspendera esta celebración debido ás repuntas de infeccións por covid-19.
Nesta ocasión, coa utilización da máscara, desenvolvíase o evento que apenas durou tres cuartos de hora. Maica Larriba, subdelegada do Goberno, acompañada polo xefe da Comandancia, o coronel Simón Venzal, presidían o acto no que se impuxeron as condecoracións a 24 persoas e con especial mención a dous efectivos da Garda Civil galardoados por deter a dous dos tripulantes do primeiro narcosubmarino interceptado nas costas galegas. Tamén se lembrou ao axente do Subsector de Tráfico, Jesús Castro López, que falecera en acto de servizo.
Simón Venzal na súa intervención facía referencia aos momentos máis duros da pandemia destacando o traballo realizado polos axentes presetando asistencia á poboación e agradecía tamén a colaboración cidadá durante os meses máis difíciles do confinamento. "O esforzo compartido fíxonos máis fortes e n permitiuvos manter Pontevedra como unha provincia segura para todos", afirmou o comandante da Garda Civil.
Durante o seu discurso destacou o cambio "transcendental" que se rexistrou en temas de seguridade ao enfrontarse ás estafas que se rexistran a través do "ciberespazo". Sinalou que unha de cada tres infraccións penais rexistradas pola Garda Civil en Pontevedra se establecen no engano a través de internet, "buscando o exceso de confianza e os poros dos sistemas de ciberseguridade", engadiu. Fixo un chamamento ao labor divulgativo para tentar previr estas actividades criminais.
Lembrou a apertura das oficinas de atención á cidadanía en Vilanova de Arousa e en Bueu. Ademais, mostrou a súa satisfacción porque das case 1.300 persoas presentadas en Galicia ao proceso selectivo para acceder á Garda Civil neste 2021, un 37% procede da provincia e as mulleres alcanzan un 27%.
Pola súa banda, Maica Larriba insistiu tamén na loita contra os delitos que se rexistran a través de internet e destacou a capacidade de adaptación da Garda Civil coa creación dos Equipos @ de prevención e resposta en materia de ciberdelincuencia. Con estes equipos, o Goberno quere facer fronte ao crecemento deste número de delitos de media na provincia que alcanza un 16% nos últimos meses. Animou, ademais, aos axentes para continuar ofrecendo charlas e encontros para aconsellar sobre o uso seguro da internet.
A posta en marcha das oficinas móbiles de denuncias para o Camiño de Santiago foi outro dos puntos destacados pola subdelegada do Goberno para asesorar e auxiliar ás persoas que peregrinan.
Larriba finalizaba insistindo na necesidade de incorporar máis mulleres ao Corpo da Benemérita ao entender que a igualdade debe de ser unha meta e segue sendo unha materia pendente na sociedade.
MEDALLAS AO MÉRITO
A propia subdelegada do Goberno; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente da Audiencia, Francisco Javier Menéndez; o Fiscal xefe Juan Carlos Aladro; o xeneral Xefe da Brilat, Luis Cortés Delgado; o coronel subdelegado de Defensa, Miguel Constantino Cortés e o coronel comandante xefe territorial de Viana do Castelo, Carlos Alberto Felizardo foron as autoridades encargadas de entregar os distintivos da Garda Civil.
Entre os condecorados atopábase a Xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; a directora do Centro Penitenciario da Lama, María Teresa Delgado ou a concelleira en Ponte Caldelas, Milagros Domínguez, colaboradora de PontevedraViva.
Ademais, tamén recibían a Medalla ao Mérito os axentes Ricardo Herrero e Javier Maquieira Piay. O primeiro deles logrou en 2019 que un bebé, fillo dun compañeiro, no municipio de Cangas lograse sobrevivir despois de sufrir uns episodios de morte súbita. O neno de dous anos de idade atopábase azul e non se movía. A través de técnicas de reanimación, Ricardo Ferreiro conseguía que o neno volvese respirar e despois escoltou á ambulancia ata un centro médico onde o menor foi atendido por especialistas.
O caso de Javier Maquieira produciuse en novembro de 2019 cando saía dun restaurante en Vilaboa e un camareiro alertouno de que un home estaba a afogarse. O axente practicoulle a manobra de Heimlich sen éxito e, tras cincuenta minutos de tensión, logrou extraerlle coa punta dos dedos un anaco de carne que obstaculizaba as vías respiratorias e salvoulle a vida.