Organizan un curso para xestionar cambios vitais e mellorar o estado anímico mediante arteterapia
Por Redacción
Desenvolver recursos para asimilar e xestionar os cambios vitais, aprender a controlar os impulsos e analizar as modificacións de humor e temperamento a través da cor son algúns dos principais obxectivos do curso ‘A cor do benestar’, que a Concellería de Benestar Social e a Asociación de Alcohólicos Rehabilitados ‘Manuel Suárez’ porán en marcha de balde o martes 26 de outubro e que se desenvolverá ao longo de oito sesións na Sala Gafos da Casa Azul (número 2 da rúa Sor Lucía) até o martes 14 de decembro.
Este taller de arteterapia está aberto a 25 persoas empadroadas no concello de Pontevedra que precisen mellorar o seu estado anímico e diríxese especialmente a persoas coidadoras de familiares en situación de enfermidade cronificada, convalecencia, dependencia ou diversidade.
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, explica que "con esta formación preténdese incidir directamente no benestar biopsicosocial integral", con aulas nas que se fomentará un clima positivo, xa que "o feed back será fundamental para acadar un grupo vivo a través da cor e as emocións que se xeran no propio espazo de traballo".
"A arteterapia é unha ferramenta moi útil -apunta o edil do PSOE- para desenvolver procesos que axuden ao ser humano en momentos de dificultade, épocas de tránsito, situación de cronificación física ou psíquica, contextos de estrés ou ansiedade...".
No curso, que terá lugar en horario de 18:00 a 20:30 horas, traballaranse aspectos como a empatía a través da cor, a biografía da autoestima e a hixiene integral. Todos aqueles interesados en inscribirse poderán facelo entre os días 14 e 21 de outubro mediante o correo electrónico agonzale@pontevedra.eu e o número de teléfono 986 80 43 00 / Ext. 7429 (en horario de 9:00 a 14:00 horas).