O Marco de Perre, un monolito para conservar os topónimos de Cerponzóns
Por Redacción
A obra escultórica O Marco de Perre inaugurábase este luns 11 de outubro no adro da Igrexa de Cerponzóns. Trátase dun monólito que mantén a forma dun marco co que tradicionalmente se sinalaban os límites dun terreo ou servía para marcar distancias e lugares.
Este traballo é obra do canteiro Manuel Collazo Torres por iniciativa da Asociación de Veciños O Chedeiro da parroquia pontevedresa. A proposta busca que os topónimos de Cerponzóns queden na lembranza a través desta obra e, deste xeito, poidan incorporarse ao patrimonio cultural.
A concelleira de Turismo, Yoya Blanco, participaba nesta inauguración xa que o departamento de Turismo colaborou no proxecto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, que axudou a recuperar os nomes históricos de diversos lugares da parroquia. Ao acto tamén asistían os concelleiros Marcos Rey, Pilar Comesaña e Martín Martínez.
O antecedente deste traballo atópase nos traballos realizados polo crego da parroquia Manuel Míguez no ano 1997, que publicaba a historia de Cerponzóns recollendo algúns dos nomes de pequenos lugares, hoxe en día practicamente desaparecidos ao englobarse en denominacións máis amplas. Desta forma, lémbranse zonas como A Cachada Vella, A Cañota, A Chan do Monte, A Cruciña de Ponte Beán, A Ponte Beán, A Ponte Pomar, Bigaixo, Cachadiña, Campo, Casa Nova de Liborei, Casás de Meán, Castelo de Cerponzóns, Cernadelo, Igrexa, Laxe de Bascuas, Liviáns, Mendo, Mogos, Mouchos de Meán, O Cimbelo, O Taral, Porrelo, Pozo de Meán, Río da Barca, Santarandán, Soutelo de Meán e Soutelo do Bravo.
Relacionadas:
-
Un libro monográfico recollerá a historia e o patrimonio de Cerponzóns
Por Redacción |
-
Cambio de residuos perigosos por árbores en Cerponzóns
Por Redacción |
-
Cerponzóns rende homenaxe aos deportistas da parroquia
Por Redacción |
-
Homenaxe en lembranza do tamborileiro Manuel Castro
Por Redacción |
-
Idean unha escultura en homenaxe ao traballo realizado polas mulleres en Cerponzóns
Por Andrea Sánchez Barreno |