Unha empresa especializada en poda en altura analizará o estado das árbores de Vilagarcía
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía de Arousa ten previsto contratar a unha empresa especializada en arboricultura e poda en altura para realizar unha avaliación detallada do estado das árbores das prazas de España e Ravella, da Alameda e do parque da Praia Compostela.
Unha vez que se realicen estes traballos, segundo o goberno local, os técnicos decidirán que exemplares serán recuperados e cales terán que ser retirados ante o perigo que supoñen para viandantes e para o mobiliario urbano. Neste último caso serán substituídos por outros exemplares novos, que poderán ser doutra especie, segundo o que decidan os especialistas.
Este luns, unha técnica da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, organismo que depende da Deputación de Pontevedra, visitaba coa portavoz do goberno Tania García e co concelleiro de Seguridade Cidadá, José María González diferentes puntos do Concello para revisar a situación das especies.
A semana pasada, o Concello decidiu pechar a zona axardinada da praza de España debido ao mal estado de varios exemplares. No xardín de Ravella onde tamén se interveu, meses atrás, nalgúns exemplares de plátanos para evitar a caída de ramas, adoptouse a decisión de valar unha das árbores máis antigas e grandes ante os problemas que presenta.
O xardín da praza de España permanecerá pechado e continuará valado o plátano de Ravella ata que a empresa especializada analice a situación destas especies. O Concello pide á cidadanía que respecte esas zonas delimitadas ante o risco potencial de accidentes.