A xestión administrativa de Sanxenxo modernízase e inclúe firma biométrica
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo acaba de dar un paso importante para modernizar a xestión administrativa e a súa relación coa cidadanía. Para iso, puxeron en marcha dúas novas sedes electrónicas, unha para o Concello, https://concellodesanxenxo.sedelectronica.gal, e outra para Terra Sanxenxo, https://terradesanxenxo.sedelectronica.gal.
O obxectivo é, segundo a información facilitada polo Concello, achegar e facilitar as xestións ao cidadán, ofrecendo un novo servizo público, do cal se poderán beneficiar de forma especia aqueles cidadáns que teñen dificultades para chegar ás oficinas públicas por diferentes motivos e aqueles que, por Lei, están obrigados a relacionarse coa administración exclusivamente por medios electrónicos.
Con estas novas medidas, aspiran a que desaparezan as colas e esperas e se reduzan o número de desprazamentos para realizar trámites administrativos.
Ademais, os cidadáns beneficiaranse da mellora que implica a xestión electrónica de expedientes, como a redución dos tempos de tramitación e a racionalización nos procesos.
A solución implantada pertence a esPublico, unha firma zaragozana especializada en servizos xurídicos e modernización administrativa para a Administración Local e que conta con máis de 6.700 entidades clientes en todas as provincias españolas e 18 proxectos provinciais.
O rexistro municipal tamén estreou este luns a firma biométrica con dúas tablets. A partir de agora, os veciños que teñan que realizar un trámite co Concello a través da Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros ( OAMR) poderán asinar a solicitude de maneira dixital sen necesidade de ningún medio telemático propio.
Desde mediados de setembro, figuran operativas as Oficinas Virtuais Tributarias do Concello de Sanxenxo (https://sanxenxo.ovt.gal/) e do Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo (https://terradesanxenxo.ovt.gal/), para realizar operacións de maneira dixital. O seu acceso tamén pode realizarse desde a propia páxina web do Concello a través do comando OVT Oficina Virtual Tributaria, ou desde das respectivas Sedes electrónicas.