Deteñen un home por agredir á súa parella en plena rúa en San Salvador
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio detivo durante a pasada fin de semana un home ao que varias testemuñas viron como agredía á súa parella en plena rúa na parroquia de San Salvador.
O home foi detido o sábado por un presunto delito de violencia de xénero e xa foi posto ao dispor do Xulgado de Garda de Pontevedra ese mesmo día.
Varias testemuñas chamaron ao 112 alertando de que un home estaba a agredir a unha muller nunha coñecida rúa do centro de Poio e o aviso foi remitido á Policía Local, que enviou ao lugar unha patrulla.
Os axentes desprazáronse con urxencia á zona, comprobaron os feitos e procederon á detención do presunto agresor, ademais de prestar auxilio á vítima, que foi trasladada ao hospital por unha ambulancia do 061.
Os policías tamén tomaron declaración ás testemuñas para a elaboración do atestado correspondente.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, este ano 2021 constátase unha diminución no número de casos de violencia de xénero con respecto ao ano 2020, mentres que nos casos de violencia doméstica mantéñense as mesmas cifras. En concreto, este ano detiveron a 3 persoas por casos de violencia de Xénero e realizáronse 9 atestados por violencia doméstica, entre eles, 2 nos que os sospeitosos son menores de idade.