A renovación dos parques infantís dos colexios A Xunqueira I e Marcón ascende a case 70.000 euros

Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Xunta de Goberno aprobou este luns o borrador do convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Deputación que permitirá renovar os parques infantís do CEIP A Xunqueira I e Marcón cun orzamento global de 69.842 euros.
Os traballos de restauración integral serán executados polas concellerías de Educación e de Desenvolvemento Sostible neste último trimestre de 2021 ao abeiro das competencias municipais en materia de conservación e mantemento dos colexios públicos e financiados ao 100% pola institución provincial.
As actuacións no parque infantil do CEIP Marcón, valoradas en 35.854 euros e cun prazo de execución previsto dun mes, consistirán na desmontaxe dos actuais xogos e o seu posterior traslado ás dependencias municipais ou vertedoiros autorizados; na desmontaxe e montaxe do pavimento de caucho; na reparación da soleira de formigón, e na subministración e colocación de xogos infantís que garantan espazos máis seguros e accesibles.
De xeito semellante, as obras do CEIP A Xunqueira I contan cun orzamento de 33.988 euros e un prazo de execución previsto de dous meses.
Consistirán na desmontaxe dos actuais xogos e o seu traslado e posterior montaxe nun novo emprazamento; na adecuación do terreo; na desmontaxe e montaxe do pavimento de caucho; na reparación dos xogos existentes no patio; a colocación da soleira; a limpeza da cuberta con auga a presión e o revestimento decorativo de fachadas.
CONVENIO COA XUNTA
O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, anunciou a súa intención de instar á Xunta de Galicia a artellar un convenio de colaboración co Concello de Pontevedra "para asumir a súa responsabilidade nas obras de conservación de mantemento dos colexios e garderías dun xeito estable e equitativo, achegando unha cantidade fixa e coordinándose cos técnicos da Administración municipal á hora de executalas".
O edil socialista avanzou que dita petición será formalizada a través dunha carta na que se lle solicitará ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, unha reunión para poder tratar este asunto e explicarlle "as cada vez maiores necesidades duns centros educativos que se van facendo vellos e nos que o Concello inviste unhas cantidades que non lle corresponden".
Fernández lembrou que a Xunta "está a botar man dunha trilería legal" neste eido, xa que, por unha banda, en base á disposición adicional decimoquinta da Lei 27/2013, de racionalización e sostibilidade da Administración Local, as comunidades autónomas deben contemplar "o correspondente traspaso de medios económicos, materiais e persoais" e, pola outra, "en 2014 sacaron da manga unha lei de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, que basicamente lle deixa todo o marrón aos concellos mentres a eles non lles apeteza lexislar outra cousa distinta". "Por suposto, como xa vén sendo costume da casa, a Xunta tampouco formaliza a delegación de competencias nos concellos, xa que iso implicaría transferencias económicas e resúltalles moito máis práctico botarlle morro e manter esta situación de xeito indefinido. Para eles, as competencias son volátiles, súas cando lles convén e dos demais cando hai que apandar", asegurou o concelleiro.
Tino Fernández subliñou que "en todo caso, o único que se lle pide ao Goberno autonómico desde esta Concellería de Educación é que colabore con nós, dun xeito coordinado, achegando cada parte unha cantidade estable, mediante a sinatura dun convenio de colaboración". "Instámoslles -sinalou o edil do PSOE- a que sexan responsables e razoables. Pontevedra ten un bo número de centros educativos que conservar e manter en condicións dignas para o alumnado e as súas necesidades tamén son moitas".
OBRAS DE MANTEMENTO
O anuncio de Fernández coincidiu coa aprobación, este mesmo luns en Xunta de Goberno Local, do expediente que rexerá a contratación das obras de mantemento que se realicen ata 2024 en colexios públicos de Infantil e Primaria e garderías do municipio, así como unha eventual prórroga en 2025.
A Concellería de Educación destinará unha achega global de 800.000 euros para estas actuacións, estando previsto un investimento de 600.000 euros para o que queda de 2021 e para os vindeiros tres anos e de 200.000 euros para a devandita prórroga.
División das actuacións en dous lotes, por zonas xeográficas
O tenente de alcalde apuntou que o contrato proposto, co que se pretende garantir a execución das intervencións necesarias para o correcto mantemento dos centros públicos, "volve dividir as obras por lotes, considerando que a solución máis viable pasa por xerar dúas zonas xeográficas, con colexios situados ao norte e colexios emprazados ao sur do termo municipal, asignando a cada un dos lotes a mesma cantidade de centros e de cartos, a razón duns 100.000 euros por anualidade". Así la relación de colexios ubicados ao norte do concello (Lote 1) figuran os
CEIP Froebel, Manuel Vidal Portela, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Marcos da Portela, Parada-Campañó, Santo André de Xeve e San Benito de Lérez, e as EEI Fina Casalderrey, Verducido e Monte Porreiro; mentres que da dos que están ao sur (Lote 2) forman parte os CEIP Álvarez Limeses, Campolongo, Praza de Barcelos, San Martiño-Salcedo, Cabanas-Salcedo, Carballeira-Lourizán, Ponte Sampaio, Vilaverde-Mourente e Marcón, e as EEI Crespo Rivas e A Parda.
Relacionadas:
-
Marcón inaugurará o seu novo parque infantil cando mellore o tempo
Por Redacción |
-
O colexio A Xunqueira I vivirá unha revolución accesible cun investimento de 130.000 euros
Por Redacción |
-
Adxudicado o contrato para as obras de mantemento nos 22 colexios de Pontevedra
Por Redacción |
-
Quince rúas do municipio serán pavimentadas antes do 5 de novembro
Por Redacción |
-
A mestra e política galeguista Daría González suma unha homenaxe en forma de mural
Por Redacción |
-
Os colexios Froebel e Marcos da Portela inician o programa de charlas de seguridade viaria do Concello
Por Redacción |