Seixo retomará as protestas polos recortes no centro de saúde cunha cadea humana

Por Redacción
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo retomará as mobilizacións contra os recortes na atención sanitaria nesta parroquia de Marín. Será o próximo domingo 17 de outubro cunha cadea humana por todo o núcleo urbano.
Esta decisión adoptouse nas asembleas veciñais celebradas nos últimos días en Seixo e Ardán, ante a "grave situación" do consultorio case tres meses despois desde que a Xunta "nos deixara cun só facultativo para 2.200 persoas", sinalan desde a plataforma.
A cadea humana iniciarase ás 12:30 horas. Haberá un punto de encontro diante do centro de saúde, para distribuírse dende alí á rúa Camiño Vello e á rúa Grupo Escolar.
Dende a plataforma convidan á participación a familias enteiras e persoas de todas as idades, "pois é unha actividade diferente e novidosa" e, tamén, a toda a veciñanza de Marín "xa que a sanidade no noso concello está moi deteriorada".
Con esta nova mobilización queren reivindicar un segundo facultativo para Seixo, a cobertura da enfermeira que remata o contrato o 1 de novembro, así como novos servizos "aos que temos dereito por volume de poboación", como pediatría.
"Buscan aburrirnos, cansar á xente, pero nas asembleas detectamos todo o contrario, porque a asistencia aumentou e o ánimo é bo para seguir", asegura este colectivo, que editou camisetas e bolsas de tea, dispoñibles nas tendas da zona, para visibilizar esta loita veciñal.
Ademais desta acción de protesta, dende a plataforma van seguir coas reclamacións escritas ou coa distribución de carteis e xa manifestaron o seu apoio á manifestación do 14 de novembro en Santiago de Compostela, á que acudirán todas as plataformas galegas.
Relacionadas:
-
O PSOE leva ao Pleno a esixencia de cubrir as vacantes de médicos en Marín
Por Redacción |
-
A plataforma en defensa do centro de saúde de Seixo seguirá protestando ata lograr unha atención médica de calidade
Por Redacción |
-
Cadea humana polas rúas de Seixo para defender o Centro de Saúde "dos recortes da Xunta"
Por Redacción |
-
Admiten a trámite a denuncia veciñal polos recortes na atención sanitaria en Seixo
Por Redacción |
-
A Plataforma de Seixo denuncia ante a Valedora do Pobo a vulneración do dereito á protección da saúde
Por Oskar Viéitez |
-
Mobilización veciñal contra os recortes na Atención Primaria no centro de saúde de Seixo
Por Redacción |
-
Sanidade confirma que se manterá a actividade asistencial no centro de saúde de Seixo
Por Redacción |