A rúa Alfonso XIII volverá a ser o patio de recreo do Froebel
Por Alejandro Espiño
A partir do próximo mércores 13 de outubro, a rúa Alfonso XIII estará pechada tres cuartos de hora cada día, entre as 11:30 e as 12:15 horas, para converterse no patio de recreo do colexio Froebel. Así o acordou o Concello a pedimento da comunidade escolar.
As medidas físicas que impedirán o tránsito serán a colocación de morróns no cruzamento da rúa Alfonso XIII con Concepción Arenal e un sinal en Echegaray advertindo das restricións.
O réxime de uso desta rúa será exactamente igual á do ano escolar anterior, o que houbo ata finais de xuño. O resto do día a rúa quedará para uso residencial e de servizos.
Alfonso XIII tamén será accesible para as tarefas de carga e descarga desde Echegaray, polo que se elimina o aparcadoiro de servizos e habilitarase o dobre sentido de circulación.
Esta medida tamén a empregara o Colexio Doroteas no curso pasado. Nesta ocasión, o centro non se puxo en contacto co Concello, segundo o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, que engadiu que en todo caso poderá facer uso da rúa se así o considera.
O concelleiro lembrou que no curso pasado, coa pandemia en fase aguda, "comprobamos que a cidade estaba preparada para adoptar medidas que podían parecer extremas pero que axudaron a paliar a situación", como poñer o espazo público a disposición dos colexios.
Ademais, que esta decisión ampliouse ás persoas maiores, como no caso da residencia Campolongo, onde se reservou un espazo exclusivo para o paseo dos seus usuarios.