O sector cultural xera preto de 2.200 empregos na área de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Se hai un sector que, máis aló da función pública, que xera emprego e actividade económica en Pontevedra ese, sen dúbida, é o cultural. Actividades como a creación, a produción ou a difusión de iniciativas culturais convertéronse nun dos piares do PIB da comarca.
Así o acredita o informe sobre o sector cultural que o Concello de Pontevedra encargou ao grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo e que, segundo a edil de Cultura, Carmen Fouces, será unha "ferramenta clave" para o deseño futuro da "cultura que vén".
Ademais de ofrecer unha "foto fixa" do estado do "ecosistema cultural" en Pontevedra e analizar a súa "potencia", engadiu Fouces, este estudo axudará aos responsables municipal a tomar decisións á hora de planificar a programación cultural da cidade.
O director deste informe, o profesor Pedro Figueroa, destacou a " transversalidade" dun sector, o da cultura, que tras as institucións públicas "é o que xera un maior volume de emprego" en Pontevedra, "máis que a restauración ou a construción".
Na área de Pontevedra -que inclúe os municipios limítrofes coa capital- un total de 2.175 postos de traballo dependen deste sector de actividade, dos cales 1.410 son autónomos e 765 son traballadores das 80 empresas rexistradas.
Estas oitenta compañías facturan case 157 millóns de euros anuais e achegan un valor engadido de 40 millóns, un diñeiro ao que habería que sumar a facturación do groso de autónomos, cuxos datos non facilitou a Axencia Tributaria para elaborar este informe.
As que están radicadas no municipio de Pontevedra son 61 compañías culturais que, no seu conxunto, facturan preto de 18 millóns de euros e dan emprego a 225 persoas.
En materia de creación cultural, as empresas máis potentes da área de Pontevedra serían Pablo Méndez Performances, Producciones Frana e Baobab Teatro; e en produción de bens e servizos culturais son Bambú Producciones, Lérez Ediciones e Kalandraka.
Dentro da fabricación de bens culturais, Gráficas Anduriña, Coloteca Cestay e Encaja Xestión De Recursos Gráficos son as que máis facturan; e no ámbito de distribución e difusión serían Arnoia e as librerías Espazo Nobel, Cronopios e Paz.
OUTROS ÁMBITOS DO INFORME
No marco deste estudo, os investigadores apuntan ademais a importancia que ten en Pontevedra a oferta formativa relacionada coa cultura, onde figuran como matriculadas 6.422 persoas, das cales o 36% serían en carreiras universitarias -UVigo e UNED- e o 63% en estudos non universitarios como conservatorios ou academias.
Ademais, o informe identifica ademais unha vintena de bens de interese cultural na área de Pontevedra e detalla 381 espazos culturais que existen, que teñen unha capacidade global para máis de 38.000 persoas. Están rexistradas, por outra banda, unhas 385 asociacións culturais.
Pontevedra rexistra ademais 48 eventos culturais habituais, que se celebran regularmente con carácter anual, o que a converte, segundo destacou Pedro Figueroa, nunha das cidades galegas con maior actividade cultural permanente.
Relacionadas:
-
Pontevedra é a única grande urbe galega que aumentou o número de afiliados á Seguridade Social nesta pandemia
Por Redacción |
-
Culturgal desconfínase e recupera a presencialidade "sen perder de vista a dixitalización"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Pontevedra presenta o seu "telescopio cultural" cunha programación "de luxo" ata final de ano
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra retoma Cabos Soltos para impulsar a cultura e a hostalería local
Por Manu Otero |