Sanxenxo cede ao Museo do Mar o esqueleto do cachalote que varou en Montalvo hai dez anos
Por Redacción
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, asinou este luns un acordo coa directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, para formalizar a cesión a ese centro dependente da Consellería de Cultura do esqueleto dunha femia de cachalote que varou na praia de Montalvo hai dez anos.
"Dado o elevado número de escolares e demais visitantes que pasan por ese museo, esta peza, que é única na nosa Comunidade, terá alí unha gran proxección", sinalou a rexedora local, ao tempo que puntualizou que se trata dun depósito dun ano prorrogable.
A estrutura ósea de dez metros de lonxitude, de titularidade municipal, permanece exposta no Centro de Interpretación As Telleiras, en Vilalonga, dende que culminaron os traballos de recuperación dos restos, labores que tutelou a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e que se estenderon ao longo de catro anos.
"Estamos moi satisfeitos porque a estrutura desta balea vai ser a peza estrela do Museo do Mar de Galicia, que constitúe un emprazamento idóneo dados os seus contidos museísticos, centrados na historia e o desenvolvemento nos seus diversos eidos do mar, contando tamén cun acuario e unha sala de exposicións temporais que xiran en torno a esta temática", incidiu Catalina González.
E é que o esqueleto estará suspendido do teito nunha sala permanente na que poderá verse dende dúas alturas diferentes. Ademais, tal e como adiantou a responsable do centro, esta mostra estará complementada por paneis informativos que recollerán a historia da armadura deste cetáceo dende o seu varamento en 2003 en Montalvo ata o complexo proceso de limpeza e restauración da armazón ósea.
A finais de mes, o Museo do Mar de Galicia iniciará o traslado dos 171 ósos que constitúen o esqueleto de máis dunha tonelada de peso, tarefa que estará supervisada polo Cemma. Será a partir do último tramo de novembro cando o público poderá achegarse a Vigo a ver esta peza única.
CONVENIO
Mediante o acordo subscrito este luns, o Museo do Mar de Galicia comprométese a garantir a aplicación do tratamento técnico e científico máis axeitado para a perfecta conservación do esqueleto, así como a organización, descrición, exhibición, acceso ao público e custodia. O centro asumirá, ademais, os gastos derivados do seu mantemento.
Á súa vez, dentro deste acordo e a petición da alcaldesa, o Concello de Sanxenxo poderá organizar visitas dos distintos centros educativos municipais para que todos os estudantes teñan a oportunidade de gozar desta exposición e do resto de contidos do museo.