Os centros de maiores públicos de Galicia converteranse en "residencias intelixentes"
Por Oskar Viéitez
Os centros de maiores de Galicia se converterán en residencias intelixentes coa posta en marcha dun proxecto piloto e pioneiro a nivel nacional que aplicará avances tecnolóxicos no benestar dos usuarios.
Entre as novidades que incorpora este sistema atópase un monitor multiparamétrico, que permite que o persoal enfermeiro dedique menos tempo a trámites e transcricións e máis ao coidado personalizado da persoa maior. Ademais, os cuartos transfórmanse en habitacións intelixentes, con sensores que avisan se a persoa maior ten unha caída ou deambula de noite.
Así mesmo, os residentes con algún tipo de deterioro cognitivo poderán pasear con máis seguridade, dentro ou fóra da residencia, coa aplicación dun novo sistema de seguimento. Un sistema que tamén posibilitará que os profesionais poidan xeolocalizar aos usuarios nas excusións no caso de extraviarse.
Por outra banda, os maiores poderán multiplicar as súas posibilidades de lecer grazas á instalación de monitores intelixentes que lles permitirán, por exemplo, facer terapias ou contactar coas súas familias sen saír da habitación. Ademais, tanto residentes como familiares estarán en todo momento informados da actividade da residencia, a través da instalación dun panel informativo no vestíbulo.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que "seremos a primeira comunidade cun servizo sociosanitario con tecnoloxía intelixente e integrada na información sanitaria", precisou, subliñando que o obxectivo é que no 2022 todas as residencias públicas autonómicas galegas conten con este servizo que facilitará o traballo dos coidadores e a atención sanitaria.
Feijóo destacou que no mes de xullo púxose en marcha por vez primeira este proxecto piloto de residencia dixital no centro público autonómico da Estrada en colaboración coa empresa Televés.
A implantación das novas tecnoloxías no espazo sociosanitario será un dos piares do novo modelo de residencia que xa está ultimando o Goberno galego que estará centrado en melloras na coordinación entre a sanidade e os servizos sociais; na humanización do trato e a formación continuada de todos os profesionais das residencias; e nas reformas estruturais que se comezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción, con máis habitacións individuais e máis espazo para as actividades.
Relacionadas:
-
O novo modelo de residencias en Galicia establecerá unidades de convivencia de 25 persoas
Por Alejandro Espiño |
-
A terceira dose da vacina contra a covid-19 xa chegou a todas as residencias pontevedresas en tan só unha semana
Por Natalia Puga |
-
Os maiores de Saraiva demostran que as receitas das avoas non hai quen as supere
Por Redacción |