Cuntis sinaliza os recursos turísticos de carácter relixioso
Por Redacción
O Concello de Cuntis puxo en marcha un novo proxecto de divulgación e potenciación de diferentes elementos do patrimonio relixioso para así paliar a falta de información que existe sobre algúns dos elementos presentes no municipio.
Para iso, o Concello acometeu unha actuación de mellora da sinalización destes bens grazas á subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 5.762 euros, afectando a 15 recursos patrimoniais distribuídos por todo o municipio, entre os que se atopan templos parroquiais e conventuais, ermidas, capelas e santuarios. A axuda está dentro da orde para mellora e rehabilitación do patrimonio histórico-cultural.
O concelleiro de Turismo e Patrimonio, Martín Álvarez, explicou que "con este proxecto queremos poñer en valor e divulgar o extenso e valioso patrimonio cultural de carácter relixioso do que gozamos en Cuntis, para dalo a coñecer entre os visitantes e poñelo en valor".
Así mesmo, indicou que con esta mellora, "favoreceremos a descentralización do turismo do casco urbano e, ademais de potenciar estes bens históricos, axudamos a descubrir recunchos de gran beleza paisaxística espallados polo noso rural".
Esta mellora foi deseñada en colaboración con Héitor e Martiño Picallo que foron os encargados de recadar información acerca da historia dos inmobles e tamén do propio deseño dos paneis.
Os elementos que elixiu o Concello entre cemiterios, templos parroquiais e conventuais, son a igrexa de Santa María dos Baños de Cuntis, Santa María de Cequeril, San Miguel de Couselo, San Fins de Estacas, San Mamede de Piñeiro, Santa Baia de Portela, Santa María de Troáns e San Bieito de Pereira.
Por último, entre as ermidas, capelas e santuarios sinalizarase o San Ramón da Anllada, San Ramón de Mesego, Santa Lucía de Magán, Magdalena de Meira, Santiaguiño da Ermida, Santo Ildefonso de Troáns e Nosa Señora dos Castro Loureiro.