Malestar dos pais do CEIP Vidal Portela polas multas da Policía Local co estacionamento
Por Marisa Ciordia
Pais do CEIP Vidal Portela trasladaron a PontevedraViva o seu malestar polo proceder que axentes da Policía Local seguen tendo coa vixilancia e penalización entre condutores que estacionan para deixar ou recoller os escolares.
A ANPA do centro pontevedrés - situado na Avenida de Bos Aires e con accesos tanto neste vial como desde a peonalizada rúa Cruz Vermella -, facilitou en colaboración co Concello e desde hai uns cursos, unha tarxeta identificativa para proxenitores con nenos ata primeiro de Primaria.
A tarxeta identifica o vehículo autorizado, así como á persoa vinculada ao primeiro e ao propio centro educativo.
Colocalo en lugar visible permítelles o estacionamento no espazo de aparcamento anexo ao Vidal Portela na Avenida de Bos Aires durante media hora: un cuarto de hora antes e despois das 09.00 horas e un cuarto de hora antes e despois das 14.00 horas. Unha marxe de media hora que trata de ser compatible cos horarios dos diferentes cursos, máxime se hai titores con máis dun escolar.
O malestar dos adultos contactados refiren ao "exceso de rigor ou falta de empatía" con que se atopan en ocasións e que se reflicte na imposición de multas. "Un día tes un descoido ao estacionar e a tarxeta non está visible no cadro de mandos. Volves ao coche tras recoller aos nenos e ao ver que che están sancionando mostras a tarxeta e dinche que xa tes a multa, que a recorras" exemplifican.
Outra situación que explican e cuestionan en maior grao refire a días de choiva en que "como os aproximadamente vinte espazos que hai neste recinto ocúpanse, tes que subir á beirarrúa para deixar ou recoller aos nenos e casualmente neses días que chove e neses momentos pasa o multamóvil", "dá a impresión que é unha razón recadatoria máis que de dificultar o tráfico", expoñen.
Engaden a particularidade que ten o CEIP Vidal Portela; boa parte do alumnado pertence a familias que traballan pero non residen no centro urbano da cidade senón en parroquias do rural ou en municipios próximos, de forma que o vehículo particular é imprescindible nestes casos.
"Tampouco se pode usar como escusa as pda porque vin axentes que cobren o papel, anotan e dancho". Coinciden en que non se trata de dispoñer de barra libre para aparcar, senón "de que haxa uns criterios obxectivos para multar".
Relacionadas:
-
A pista polideportiva do CEIP Manuel Vidal Portela contará con cortinas de illamento
Por Redacción |
-
Multas de 100 e ata 500 euros aos condutores na rúa Raíña Vitoria
Por Oskar Viéitez |
-
Estacionar mal en Augusto García Sánchez ou Barcelos, a sanción de tráfico máis frecuente en 2020 en Pontevedra
Por Natalia Puga |