Galicia camiña cara a normalidade con aforos ao 90% e reunións sociais más amplas
Por Alejandro Espiño
En apenas quince días, Galicia espera pasar a un escenario de "normalidade absoluta". Só se manterá o uso das máscaras ou o 'pasaporte covid' para algunhas actividades. Así o avanzou este martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Pero ata entón, os galegos daremos novos pasos no camiño á ansiada normalidade. A partir do próximo sábado 9 de outubro ampliaranse os aforos, como norma xeral, ata o 90% de capacidade, e tamén se permitirán reunións sociais máis amplas.
A "maior apertura" que permiten os bos datos epidemiolóxicos -Galicia é xunto a Asturias a única comunidade con incidencia de menos de 25 casos por 100.000 habitantes-, permitirá flexibilizar aínda máis as restricións que aínda están vixentes.
Todas as actividades que se realizan no interior dos locais, incluídos os de hostalería, os comercios, a academias ou os recintos culturais, aumentan o seu tope de aforo do 75% ao 90% e elimínase o límite de grupos para actividades deportivas, tamén nos ximnasios.
No caso da hostalería, ese límite do 90% -que se aumenta ao 100% en terrazas- estará condicionado a que se adopte un maior compromiso coas medidas anticovid. Se non o fan, os bares só poderán ocupar o 75% da súa capacidade interior e do 90% das súas terrazas.
Ademais, permitiranse reunións de dez persoas en interior e vinte en exterior.
En canto aos espectáculos artísticos e musicais, dentro será posible un 90% de público sentado, mentres que de pé, algo ata o de agora non permitido, será do 50%. Xa no exterior, aumenta do 75 ao 90% sentados e do 33 ao 66% de pé. Non haberá límite de asistentes.
Unha das poucas excepcións ao aforo global do 90% serán os albergues, que pasarán do 50% ao 75% de ocupación. Neles, segundo o titular de Sanidade, hai que manter "prudencia".
No lecer nocturno, pola súa banda, non haberá cambios polo momento ao ser a actividade onde hai "máis risco", segundo concretou García Comesaña.
Os horarios de peche, hostalería á unha e lecer nocturno ás catro, tamén se manteñen.
Relacionadas:
-
Os bares fártanse de pechar á unha e media da madrugada e esixen recuperar o horario que marca a súa licenza
Por Manu Otero |
-
A fin da emerxencia sanitaria non fará decaer o 'pasaporte covid' para o lecer nocturno
Por Natalia Puga |
-
Situación covid na área sanitaria: 52 casos activos, dous pacientes ingresados en planta e un enfermo na UCI
Por Redacción |
-
Xa só hai 56 pacientes con coronavirus na área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Recupérase a tendencia descendente na cifra de casos activos e ingresos por covid-19
Por Redacción |
-
O Sergas tratará de "convencer" a aquelas persoas que non quixeron recibir a vacina
Por Oskar Viéitez |
-
Osdriana Seco, de 32 anos, última persoa en recibir a vacina no Recinto Feiral
Por Redacción |