Novo curso nas escolas de música municipais
Por Oskar Viéitez
Co inicio do mes de outubro empeza tamén o curso en numerosas escolas de música municipais.
No caso de Sanxenxo empezan co maior número de matriculacións da súa historia. Un total de 195 alumnos, 187 nenos e 8 adultos xa formalizaron a inscrición na actividade. Ao longo desta semana tratarase de dar resposta ás 32 persoas que quedaron en lista de espera en función da dispoñibilidade.
O protocolo anticovid de 10 alumnos por aula mantense, só redúcese a distancia de 1,50 a 1,20 metros, do mesmo xeito que a desinfección tras cada clase grupal. Moitas escolas retoman este curso as clases de coro e de conxunto instrumental, suspendidas en 2019 e 2020 pola situación sanitaria.
Á inauguración do curso na Escola de Caldas de Reis acudiu o alcalde Juan Manuel Rey que presentou a nova imaxe do centro, un imagotipo coas cores das xanelas do edificio que alberga a escola (verde e rosa).
Este ano o número total de prazas cubertas é de 188, con 54 alumnos de nova matrícula. A pesar de que a maioría do alumnado é do municipio, tamén conta con alumnos doutros concellos da comarca de Caldas.
Outro alcalde, o de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo entrega este luns das chaves que dan acceso á Comunidade de Montes ao local acondicionado para uso da Banda de Música de Tenorio e propiedade dos comuneiros que, a partir de agora, disporán dun despacho de uso propio tal e como se recollera no acordo, prácticamente unánime, de cesión por 25 anos asinado co Concello para que se poideran executar as obras de mellora da edificación.
O presidente da Comunidade de Montes, Miguel Tajes, foi o encargado de recoller tres copias da chave da porta interior e unha da lateral exterior e de recepcionar o acceso ao local acondicionado na planta semisoto (debaixo do escenario) para uso dos comuneiros de Tenorio.