A pandemia e a ciberdelincuencia centran a volta á (case) normalidade da Policía Nacional no seu patrón
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Máscara obrigatoria, un asento libre entre cada un dos asistentes e un estrito control de aforos. Se non fose por estes tres factores, esta crónica podería empezar dicindo que a Policía Nacional había regresado á normalidade pre pandémica no día do seu patrón, os Santos Custodios. Con todo, esa nova orde das cousas quedou en case e, en cumprimento dos protocolos anti covid-19, nin sequera foron posibles os bicos, abrazos e apertóns de mans que cada ano adoitaban encher a sede de Afundación en Pontevedra.
O patrón da Policía Nacional si supuxo un paso decisivo cara a esa nova normalidade en tanto este ano si puido celebrarse, tras o parón obrigado de 2020 porque o outono pasado a pandemia azoutaba con forza e facíase necesario reducir ao máximo o risco de contaxios. Esa suspensión da última edición tamén influíu na actual porque duplicou o número de persoas que recibiron unha condecoración polos seus méritos policiais e a súa colaboración coa seguridade. Entregáronse as medallas e placas de recoñecemento dos dous últimos anos.
A pandemia, en todo caso, foi a protagonista indiscutible do acto, acaparou conversacións e, xunto coa irrupción de novas formas de delincuencia a través de internet, encheu os discursos. Ese "microscópico virus que ha venido a tratar de vencernos y lamentablemente con muchos lo ha conseguido", en palabras da comisaria xefa provincial, Estíbaliz Palma, trastornou o último ano e medio das nosas vidas e, no caso do labor policial "ha sacado lo mejor de nosotros".
A covid-19 encheu este acto de "experiencias que nada tienen que ver con las de otros años" e tamén de moito agradecemento. Cando se enumera unha lista longa de persoas ou colectivos, sempre hai o perigo de que alguén quede atrás, pero a comisaria Palma coidouse de que non ocorrese este luns e unha por unha foi nomeando todas as persoas e institucións cuxo traballo resultou fundamental durante o estado de alarma e os momentos máis complicados da actual crise sanitaria.
Cun "graciaas a todos" resumiu a súa gratitude, e aí englobou a todo o persoal da Comisaría "por su generosidad y el trabajo bien hecho", con especial mención aos representantes sindicais polo seu traballo para mellorar as condicións laborais de todo o persoal policial; as policías locais; a Garda Civil co seu coronel Simón Venzal á fronte; a Brilat co xeneral Luís Cortés; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; e todos e cada un dos profesionais que axudaron durante os dous peches de fronteiras que traballo a pandemia, a imposición de sancións, as patrullas conxuntas e a infinidade de retos que trouxo a crise.
"Ojalá todos estos retos formen parte de la historia", desexou a máxima responsable da Policía Nacional na provincia, e mesmo enumerou os catro novos retos que trae a nova etapa de case normalidade: a transformación dixital para facer fronte ás novas formas de ciberdelincuencia, a formación do persoal, a internacionalización para saber afrontar a delincuencia organizada ou o terrorismo yihadista. e, por último, a igualdade de xénero.
A comisaria Palma rematou cunha frase de Joaquín Sabina: "Que ser valiente no salga tan caro que ser cobarde no valga la pena". E entre os presentes "hay mucho valiente detrás de este uniforme", asegurou.
O momento álxido do acto chegou coa entrega das medallas polas que policías e persoal alleo á Comisaría ingresaron na Orde ao Mérito Policial polos seus méritos e a súa actuación excepcional.
Entre os condecorados de 2020 e 2021 figuran 26 axentes da autoridade tanto da Policía Nacional como da Policía Autonómica ou a Garda Civil, entre eles, o inspector Jorge Iruela, responsable do grupo de prevención da delincuencia e o do Grupo Operativo de Resposta ( GOR) da Comisaría Provincial; a inspectoras María Elena Canteiro e Iria Lado Rodríguez; o comandante do GRS (Grupo de Reserva e Seguridade) da Garda Civil, Rafael Berguillo Esquina; e policías de Pontevedra, Marín, Vilagarcía e Tui.
Ademais, nove particulares recibiron unha distinción en recoñecemento público pola súa colaboración "máis aló da súa deber como cidadáns", entre eles, o director e a subdirectora do CGTD, Jesús López e María Jesús Lorenzo; o xefe da Unidade de Estradas provincial, Pablo Domínguez; o responsable de Tecnifoto, Carlos Álvarez; o responsable de Lavado a Mano, José Antonio Espiña; o director de Coplant Galicia, Emilio Estévez; a xefa de negociado da Comisaría de Salvaterra, Margarita Rodríguez; Servando Rodríguez; e Rubén Reguera, de Afundación.
O acto presidiuno a subdelegada do Goberno, que estivo acompañada na mesa presidencial polo alcaldede Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente da Audiencia Provincial, Franciso Javier Menéndez Estébanez; o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro: o coronel Simón Venzal e o xeneral Luís Cortés. No patio de butacas tamén puido verse un número máis elevado de autoridades do habitual, o maior desde o inicio da pandemia, que incluíu á xuíza decana, Belén Rubido; a directora do cárcere da Lama, Teresa Delgado; o xefe da Policía Local de Pontevedra, José Manuel Duarte; ou o presidente do Porto de Marín, José Benito Suárez Costa.
O discurso da subdelegada pechou o acto destacando que estas medallas demostran "o compromiso firme da Policía na defensa dos dereitos da cidadanía". Ademais, quixo felicitar publicamente aos axentes da Policía Nacional que a semana pasada interviñeron, xunto cun veciño, nun incidente no que unha muller vítima de violencia de xénero tentou tirarse por unha xanela. "Actuacións como esta demostran un valor que engrandece e honra á institución”, subliñou, uns méritos que xa o día do incidente destacaron desde o Sindicato Unificado de Policía (SUP).
Do mesmo xeito que a comisaria, Maica Larriba tamén indicou que un dos principais novos retos actuais é dotar á Policía Nacional de medios para combater á ciberdelincuencia, delitos que xa representan o 16% de todos os que se cometen, "crecen a ritmo por encima do 30% anual".
Ademais, tivo unhas palabras en particular para o traballo da Policía Nacional durante a pandemia e "nos momentos máis duros", co "país sumido nunha situación nunca antes" nos que traballaron "máis aló do voso cometido" e mostraron o seu "lado máis humano". Deulle as grazas polo esforzo e tamén a todas as policías locais.
Relacionadas:
-
Con DNI o luns a pesar da celebración do Día da Policía
Por Redacción |
-
O novo comisario da Policía Nacional márcase como reto atallar a ciberdelincuencia e confirma un "pequeno descenso"
Por Natalia Puga |
-
Identificados os autores dunha fraude que retiraron 10.170 euros dunha conta a través do sistema SIM swapping
Por Redacción |
-
Os sindicatos da Policía Nacional solicitan a mellora de servizos de atención á cidadanía
Por Redacción |
-
A ciberdelincuencia dispara as estatísticas de criminalidade en Pontevedra, que segue sendo "privilexiada" en seguridade
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O comisario da Policía Nacional despídese co caso Sonia Iglesias moi presente: "non tirei a toalla"
Por Natalia Puga |
-
Os roubos en vivendas descenderon en Pontevedra un 11% no que vai de ano
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Policía celebra a súa festa cunha baixada de 7 puntos na taxa en criminalidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Policía Nacional celebra o seu patrón e a futura rehabilitación interior da Comisaría
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |