O Pleno de Ponte Caldelas actualiza a ordenanza de cemiterios e aproba a Conta Xeral de 2020
Por Redacción
O Pleno da Corporación de Ponte Caldelas aprobou este xoves a actualización da ordenanza reguladora de cemiterios municipais.
Ata o de agora, as funerarias tiñan que pagar unha taxa de 100 euros no Concello de Ponte Caldelas por cada enterro nos camposantos municipais de Ponte Caldelas e A Insua e eran os propios operarios municipais os que se encargaban do sepelio.
No Pleno do xoves derogouse esta parte da ordenanza para que, a partir de agora, sexan as propias empresas de servizos funerarios, con personal máis especializado, as que se encarguen dos enterros nos camposantos municipais, como fan tamén no resto dos cemiterios parroquiais do termo municipal.
Por outra parte, aprobouse tamén a Conta Xeral de 2020, na que se reflicte que o Concello de Ponte Caldelas cumpre regra de gasto, estabilidade financieira e cumpre o período medio de pago establecido. Ademais, rematouse o ano con superávit e remanente. O documento financieiro aprobouse cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra dos tres concelleiros do PP.
O voceiro do PP, Antón Xil afirmou que o peche definitivo do exercizo do 2020 "o resultado orzamentario axustado dá como consecuencia un déficit importante" que cifra en -368.977 euros e engade que "a práctica totalidade dos gastos realizados con informe negativo de intervención ao detectar irregularidades".
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, lamentou esta actitude do Partido Popular "tendo en conta que nin sequera viñeron a ver as contas no tempo que estiveron expostas no Salón de Plenos, cousa que si fixeron outros veciños de Ponte Caldelas".
O Pleno tamén serviu para despedir ós concelleiros do BNG Lito Muiños e Manuel Barreiro, que se retiran da política local.
O alcalde de Ponte Caldelas agradeceu a súa labor na defensa dos intereses dos veciños de Ponte Caldelas tanto nos anos que estiveron na oposición como "os catro anos que gobernamos xuntos, entre 2015 e 2019, onde amosastes a vosa lealtade, compañeirismo, dedicación e compromiso e onde a boa sintonia foi a tónica que reinou durante o mandato conxunto".