O bus urbano inicia unha nova andaina con incorporación de paradas e percorridos perimetrais
Por Anxo Lourido
Este venres 1 de outubro entra en funcionamento o novo servizo de transporte urbano de Pontevedra coa posta en marcha de dúas novas liñas. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores inauguraba o servizo realizando un tramo dunha das liñas desde a rúa Xosé Malvar ata a avenida das Corvaceiras, baixo a ponte da Barca.
Segundo manifestaba o rexedor, que estivo acompañado no traxecto polos concelleiros Demetrio Gómez e Eva Vilaverde, trátase dun paso importante na mellora da accesibilidade da cidadanía, ao reducirse o prezo do transporte público, facilitar o acceso a todos os centros de afluencia de persoas e, en especial, para o barrio de Monte Porreiro porque se establece unha conexión directa co Hospital Montecelo e aumentan as frecuencias con saídas desde a urbanización cada 30 minutos. As liñas terán horarios a partir das 07.15 ata as 22.00 horas.
Fernández Lores indicou que esta iniciativa, acompañada polo proxecto do transporte a demanda, resolverá as necesidades de transporte público daquelas persoas que carecen doutro vehículo ou que prefiren utilizar o autobús para que a cidade atópese máis libre de coches.
Aurelio Cuiña, responsable de Autocares Rías Baixas, empresa encargada do servizo, indicaba que se crearon máis de oito novas paradas de bus, en puntos como o campus, Xosé Malvar, contorna de San Mauro, A Xunqueira, Xulgados da Parda ou Montecelo. Nunha das liñas haberá 35 paradas e noutra, 31.
Unha das primeiras usuarias desta liña foi Ana Pérez, unha alumna da Escola de Idiomas, que recoñecía que este novo sistema "facía moitísima falta. Son usuaria de patinete pero por estrada é moi perigoso circular porque os coches van moi rápido e ir á Escola de Idiomas suponme media hora a pé". De todos os xeitos, indicou durante a súa viaxe que falta información sobre as paradas e que o prezo do billete ordinario, que se establece en 1,50, "é un pouco prohibitivo".
Este prezo redúcese no uso urbano se se adquire a tarxeta TPG (Transporte Público de Galicia), que a Xunta subministra a través de oficinas de Abanca. Con esa tarxeta, o usuario que realice entre 1 e 20 viaxes pagará 0,85 euros, o que realice entre 21 e 40 abonará 0,51 por viaxe e, en caso de superar as 41 viaxes, redúcese a 0,18 euros. Tamén existe a opción de adquirir bonos mensuais.
Ademais, a mocidade de menos de 21 anos que teñan o carné Xove ou a tarxeta TPG poderán circular no bus de maneira totalmente gratuíta.
Segundo informaba o concelleiro responsable de Transporte, Demetrio Gómez, nas últimas datas xestionáronse 3.600 solicitudes desta tarxeta, cun incremento dun 20% de usuarios do bono anterior.
Aurelio Cuiña indicaba, pola súa banda, que dentro dun mes e medio poderase analizar con detalle a actividade nestas dúas novas liñas, a medida que a cidadanía se afaga ao novo funcionamento do servizo.
Relacionadas:
-
Trinta e sete fitos completan a sinalización do transporte urbano de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Os comerciantes da Parda piden a colaboración do Concello na dinamización do barrio
Por Redacción |
-
Nova protesta veciñal en Monte Porreiro para demandar diálogo e investimentos ao goberno local
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O transporte público de Pontevedra terá unha nova parada diante da estación de autobuses
Por Redacción |
-
As dúas liñas de transporte urbano circularán a diario entre as 07:15 e as 22:30 horas
Por Alejandro Espiño |
-
En outubro entran en funcionamento as novas liñas de bus urbano coa opción da tarxeta-moedeiro
Por Redacción |
-
Acordo para que o transporte público de Pontevedra se active o 1 de setembro
Por Alejandro Espiño |