A Deputación estará presente en dous foros en Mallorca e Sevilla sobre desenvolvemento sostible e axenda urbana
Por Redacción
O modelo urbano implantado en Pontevedra e a súa provincia segue sendo unha referencia e un exemplo a seguir para administracións de todo o mundo. "Somos unha provincia de 900.000 habitantes, pero somos referencia en políticas para transitar a un novo modelo económico", destacou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, antes de anunciar que estará este venres en Mallorca e en outubro en Sevilla para representar á provincia nunha reunión de alto nivel sobre a Axenda 2030 e na primeira edición do Foro Urbano de España, respectivamente.
En Baleares, a mandataria será a encargada de presidir unha reunión con representantes de diferentes administracións locais na que expoñerá as políticas en materias de desenvolvemento sostible, igualdade, mobilidade, cultura ou turismo levadas a cabo pola Deputación que se corresponden cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles marcados pola Unión Europea para cumprir antes do ano 2030. "Cando comezou estabamos nun 90 %, agora estamos case non 100 %", dixo a socialista.
Do 5 ao 7 de outubro celébrase en Sevilla a primeira edición do Foro Urbano de España na que participará o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xunto a membros do seu gabinete, da ONU, da Comisión Europea e de diversas administracións españolas. Entre eles estará a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que será a encargada de moderar unha mesa sobre transición ecolóxica e modelo de cidade.
Neste sentido, Carmela Silva lembrou que a Deputación atópase en fase de redacción dun proxecto de Axenda Urbana para a provincia que optará a subvencións estatais para a execución de proxectos que servirán para modernizar diferentes servizos da provincia.
Relacionadas:
-
A Deputación participa na creación do Foro Local para a Axenda Urbana Española
Por Oskar Viéitez |
-
Uxío Benítez reivindica o espazo público como elemento de cohesión social
Por Redacción |
-
Carmela Silva no Foro Urbano de España: "Na Deputación sacamos adiante tódolos proxectos pactando cos 61 concellos da provincia"
Por Redacción |
-
Acto multitudinario para celebrar os seis anos de goberno na Deputación
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
A Deputación activa un plan con 20 millóns de euros destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación aprobará o venres a folla de ruta da xestión turística da provincia para os vindeiros tres anos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación participa no proxecto europeo Greentour
Por Redacción |
-
A Deputación impulsará actividades para compensar as emisións de carbono
Por Redacción |
-
Carmela Silva e Ione Belarra sentan as bases para avanzar no cumprimento da Axenda 2030
Por Oskar Viéitez |