Denuncian un pontevedrés por masturbarse e sacar fotos a mulleres en topless na praia de Lourido
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra de 41 anos enfróntase a varias sancións de entre 601 e 30.000 euros por "exhibición obscena" polo seu comportamento dos últimos días na praia de Lourido de Poio, na que hai denuncia de varias mulleres que sentiron acosadas porque se masturbó a poucos metros delas e sacoulles fotografías en topless.
A Policía Local de Poio identificouno e denunciou tras ter coñecemento do ocorrido o pasado martes. Ademais, unha das mozas afectadas alertou do ocorrido a través das redes sociais, cunha publicación na que alertaba dun "incidente" moi desagradable que vivira ela mesma e pedía ás mulleres que poidan ser vítimas dunha situación de acoso similar que o notifique á Policía Local.
O home acabou denunciado tras o ocorrido o pasado martes 28 de setembro, aínda que hai constancia de que xa actuara previamente, os días 21 e 27 de setembro. Ese día, sobre as dúas da tarde, testemuñas presenciais indicaron á Policía Local que o individuo se atopaba masturbándose a escasos metros dunha moza que se atopaba en topless na praia e que con anterioridade xa sacara fotografías a tres a mozas.
Testemuñas presenciais observárono realizando tal conduta e alertaron á Policía Local de Poio, que, tras localizalo, tramitaron tres actas de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.
Os policías lograron identificalo a pesar de que el tentou escapar da zona nun vehículo. Os axentes déronlle o alto, pero el fixo caso omiso tentando fuxirse para non ser identificado. Finalmente, puxeron as luces e sirenas do coche patrulla e lograron darlle o alto na rúa Peirao Besada.
Cando o pararon, os axentes comprobaron as fotografías que portaba no seu teléfono e atoparon que tomara nove imaxes de mulleres en topless.
Ademais, no interior do vehículo localizouse unha defensa extensible, arma utilizada polas forzas de seguridade debidamente autorizada para a súa porte, pero que para el está prohibida.
Tras esta denuncia, os policías tiveron coñecemento de máis vítimas. Así, o mércores 29 pola mañá unha moza acudiu ás dependencias para denunciar ao mesmo home por feitos similares que sucederon o luns 27.
O home levaba a mesma roupa e conducía o mesmo vehículo. Ademais, esta afectada identificouno sen ningún lugar a dúbida.
O mércores pola tarde outra moza denunciou outro episodio do 21 de setembro. Neste caso, ela foise polo temor ao observar ao home e deixou a súa roupa atrás e el seguiu masturbándose coa roupa dela na man. A descrición tamén coincide co mesmo home.
Finalmente, foi denunciado por dous das súas accións, o exhibicionismo e levar unha arma prohibida, ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra; e tamén polo seu intento de fuga dos axentes, neste caso, ante o Concello de Poio.
Son tres propostas de sanción de 601 a 30.000 euros pola "realización de actos de exhibición obscena" con reincidencia e unha por "portar unha arma prohibida en vía pública sen a debida autorización".
A outra sanción, por non obedecer as ordes dun axente ao desobedecer o sinal de alto, supoñerá o pago dunha multa de 200 euros e a retirada de 4 puntos do carné de conducir.
Relacionadas:
-
Unha vítima do exhibicionista de Lourido: "Non comprendo como vou poder sentirme segura de agora en diante"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Concentración feminista en apoio ás vítimas do exhibicionista de Lourido: "Unha agresión non pode ser sanción"
Por Redacción |
-
Denuncian un vilagarcián por exhibirse espido e provocar a dúas menores de 15 e 16 anos
Por Redacción |
-
Recollen outra denuncia dunha nova vítima das accións do exhibicionista de Lourido
Por Redacción |