Desarticulan un punto de venda de marihuana oculto tras un comercio de Estribela

Por Redacción
Unha operación conxunta da Policía Nacional e da Policía Local de Marín logrou desarticular un punto de venda de marihuana polo miúdo que operaba desde un comercio de Estribela.
O dispositivo policial, que se desenvolveu o pasado luns, desembocou na detención dunha persoa que, segundo os investigadores, era o responsable da venda da droga.
O detido, informa a Policía Nacional, aproveitaba a cobertura que lle daba o seu traballo nun comercio do barrio de Estribela, para fornecer cogollos de marihuana en pequenas bolsiñas plásticas aos consumidores que acudían ao seu negocio facéndose pasar por clientes.
Tras realizar varias vixilancias sobre o establecemento, os axentes documentaron varias vendas de droga e interceptaron a un dos compradores saíndo do comercio cunha bolsiña que contiña cogollos de marihuana.
No rexistro practicado no interior do comercio, as autoridades comprobaron que o seu responsable ocultaba en diferentes lugares do local ata 118 bolsas plásticas con marihuana, exactamente iguais á intervida ao cliente que saía del.
Así mesmo, interviñéronse máis de 800 euros, presuntamente obtidos da actividade de venda e distribución da marihuana.
Ao detido investígaselle como presunto autor dun delito de tráfico de drogas.