Comezan as obras no centro de día do complexo de maiores de Cerdedo
Por Redacción
A Xunta de Galicia vén de iniciar as obras de mellora da cuberta e da fachada da edificación destinada a centro de día do complexo de maiores de Cerdedo, nas que inviste 40.000 euros.
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, comprobou este mércores o alcance desta intervención, que rematará en outubro.
Perfecto Rodríguez explicou que estes traballos "enmárcanse nas actuacións de mantemento que de forma periódica se realizan nos centros que dependen do consorcio".
As obras, que comezaron hai dúas semanas, céntranse no pintado da fachada exterior e na envolvente do edificio, co fin de mellorar o seu illamento, evitar filtracións de auga e harmonizar a súa imaxe exterior co novo edificio anexo que se destinará a zona residencial.
Estas melloras no centro de día coinciden co subministro e instalación do equipamento da nova residencia, que se prevé que tamén estea lista en outubro. A Xunta destinou máis de 2,2 millóns de euros a este complexo residencial, construído nun anexo do inmoble orixinal, que agora se dedicará en exclusiva a centro de día.
Coa próxima entrada en funcionamento do novo edificio de usos residenciais, as prazas ofertadas increméntanse de 18 a 48, distribuídas en 24 habitacións dobres. Ademais, o centro de día mantén as 30 prazas actuais, pero con máis espazo e sendo máis confortable para os seus usuarios.