Luz verde á flexibilización do lecer nocturno, que abrirá ata as 4 da madrugada cun aforo do 75%
Por Manu Otero
O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19 vén de dar o visto bo ao plan de lecer nocturno de Galicia, elaborado conxuntamente pola Xunta e representantes do sector. Os locais poderanse adherir a dous niveis segundo o seu nivel de compromiso na aplicación de medidas sanitarias adicionais e en función das boas prácticas que leven a cabo.
No nivel 1 de compromiso establecerase o 50 % de aforo no interior dos locais e o 75% no seu exterior. Neste nivel básico, o horario límite de peche ao público será ás 3 horas da madrugada e o persoal traballador deberá realizar un curso formativo de dúas horas de duración.
No nivel 2, fíxase unha capacidade máxima do 75% de aforo no interior dos locais e do 100% nas súas terrazas cun horario de peche fixado ás 4 horas da madrugada. Ademais, o persoal deberá realizar un curso de catro horas de duración.
Neste segundo nivel, os clientes deberán presentar a certificación de vacinación covid completa, certificados de proba negativa recente ou ter superado a enfermidade para acceder aos locais.
O novo plan de lecer nocturno de Galicia tamén contempla un terceiro nivel extraordinario de medidas, que estaría vencellado a unha eventual gravidade da situación epidemolóxica e da ocupación asistencial dos centros sanitarios galegos.
Este nivel só sería aplicable en caso de decidilo as autoridades sanitarias e obrigaría os establecementos a limitar o seu aforo ao 50% nas terrazas, sempre cos clientes sentados nas mesas e marcar un horario de peche á 1 da madrugada.
En todos estes niveis, deberanse cumprir o conxunto de medidas hixiénico-sanitarias establecidas con carácter xeral, e entre as que se atopan: o uso obrigatorio da máscara, gardar a distancia de seguridade, garantir a limpeza e desifección periódica do local e do seu equipamento, así como a renovación do aire e o control dos niveis de dióxido de carbono.
O cumprimento das medidas do novo plan de lecer nocturno de Galicia serán supervisadas polos inspectores da Dirección Xeral de Saúde Pública.
Con todo, estas medidas precisan aínda a ratificación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A intención deste novo plan para o lecer nocturno é crear un marco de estabilidade para o sector, establecendo niveis de compromiso independentes da situación epidemiolóxica de cada concello.
Relacionadas:
-
A fin da emerxencia sanitaria non fará decaer o 'pasaporte covid' para o lecer nocturno
Por Natalia Puga |
-
O TSXG autoriza a Xunta a esixir o certificado COVID-19 para acceder aos locais que abran ata as catro da mañá
Por Oskar Viéitez |
-
Este domingo pechan os centros de vacinación masiva do Recinto Feiral e Fexdega
Por Oskar Viéitez |
-
Galicia recupera o 'certificado covid' para o lecer nocturno
Por Alejandro Espiño |
-
Máis aforo para o lecer nocturno, que poderá abrir ata as catro da madrugada
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia aumenta ao 75% o aforo en eventos culturais e actos sociais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |