O BNG critica que se anuncie a ampliación do centro de saúde de Moraña sen solucionar a falta de persoal
Por Redacción
O BNG de Moraña amosou este martes unha postura crítica co anuncio realizado a semana pasada de que a Consellería de Sanidade acometerá a ampliación do centro de saúde. Os nacionalistas lamentan esta posible ampliación "sen ter resoltos a falta de recursos e profesionais".
O anuncio realizouse como resultado da xuntanza que mantiveron o alcalde, José Cela, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o BNG considera que é "baleiro de contido". O voceiro municipal do BNG, Marcos Suárez, veo así "por canto a ampliación non está contemplada nos orzamentos da Xunta de Galicia e nin tan sequera existe papel ou borrador algún".
Para o BNG "a sorpresa é maiúscula" porque considera que o goberno de Moraña "non foi quen de trasladarlle" á Xunta de Galicia os problemas que o centro de saúde vén padecendo desde hai tempo, cuestión que debería ser prioritaria en calquera momento. Segundo sosteñen, é evidente a falta de persoal e merma de recursos dende hai anos sen que a propia administración galega adopte solucións.
O voceiro nacionalista lembra tamén que a día de hoxe no centro de saúde segue sen cubrirse a praza de pediatra, que comparten con Cuntis, o que supón un empeoramento na calidade asistencial, pois non hai unha asistencia diaria de servizo de pediatría en Moraña.
Para Suárez, "é lamentable que o alcalde de Moraña non puxera enriba da mesa os verdadeiros problemas que afectan á atención do centro de saúde de Moraña, e que perda o tempo facendo anuncios e propaganda nun intento claro de desviar a atención dos asuntos que si nos importan aos usuarios e usuarias e que queremos que se resolvan".