A Policía Local de Poio traslada á Xunta as irregularidades detectadas no servizo de transporte escolar
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio puxo en coñecemento do departamento de Mobilidade da Xunta de Galicia todas as irregularidades detectadas no servizo de transporte escolar que presta a empresa concesionaria Monbus no Instituto de Ensino Secundario de Poio. Igualmente trasladaron ao departamento de educación o resultado da inspección realizada nos últimos días.
Respostando á solicitude das familias do alumnado do IES de Poio, a Policía Local inspeccionou o funcionamento deste transporte escolar.
A pasada semana acudiron varios axentes ás paradas do bus ante as irregularidades denunciadas por algúns pais que se queixaban de que algúns menores non realizan o roteiro no autobús asignado para o transporte escolar.
Segundo os proxenitores, a algúns estudantes non se lles deixaba subir, recolocándoos noutra liña, sen pedir nunca os carnés de transporte escolar. Esta forma de proceder, ademais de xerar un prexuízo ás familias destes menores por non ter coñecemento de en que autobús viaxan (tanto á ida como á volta), xera un incumprimento no protocolo Covid-19 xa que os asentos nos que viaxan estes son aleatorios.
Os axentes municipais corroboraron a existencia destes reiterados incumprimentos en varias visitas realizadas en distintos horarios e durante varios días.