O Concello non ve "problemas de orde pública" na noite pero si "pequenos desaxustes"
Por Alejandro Espiño
Para o goberno municipal, os episodios que se produciron nas últimas fins de semana en torno ao regreso da actividade de lecer nocturno na cidade non supuxeron un "problema de orde pública", aínda que recoñece que se produciron "pequenos desaxustes".
A portavoz do executivo local, Anabel Gulías, explicou que a Policía Local atendeu diversas chamadas por denuncias de ruídos, multou a diversas persoas por beber na vía pública e sancionou a varios locais pero "nada diferente" do que é habitual.
"Non é bo chegar a eses puntos de dramatismo", sinalou Gulías, que avanzou que o Concello non atenderá a petición do PP de convocar a Xunta Local de Seguridade porque, segundo reiterou, "non estamos aos niveis que se rexistran noutras cidades".
Desde o goberno municipal sinalan que "é obvio" que o regreso da movida nocturna xerou "problemas de convivencia" no centro histórico, algo que achaca en parte a que durante ano e medio "non había ruído no exterior polas noites".
Ademais, Anabel Gulías vincula as aglomeracións nas inmediacións de pubs e discotecas aos "cambios" nos protocolos de acceso a estes locais e que xeran "inestabilidade" no funcionamento normal da vida nocturna na cidade.
O Concello defende que a Policía Local realiza un seguimento "normal e habitual" destas incidencias e responde as chamadas dos veciños "e se actúa nos casos nos que hai que actuar". Confía en que estas situacións vaian normalizándose en sucesivas semanas.