A Xunta destaca o labor altruista e desinteresado dos voluntarios de Protección Civil
Por Redacción
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou este luns a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) Oitavén-Tea, que conta con 29 voluntarios dos que destacou o seu labor altruista e desinteresado cada día para velar pola seguridade dos seus vecinos.
No caso da AVPC Oitavén-Tea, que conta con dúas sedes en Mondariz e A Lama, a Xunta investiu máis de 244.800 euros no seu equipamento e no dos servizos de emerxencias de ambos concellos. Entre o material cedido inclúese un traxe para a loita contra a velutina, unha pértega, un todocamiño tipo pick-up, un desfribilidador semiatuomático, un remolque de emerxencias, unha furgoneta ou un camión autobomba rural pesada.
A Lama tamén é sede do novo Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) posto en marcha este ano pola Xunta, en consenso coa Deputación provincial e a Fegamp, para dar cobertura a este municipio e aos de Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas.
A Xunta xa publicou unha orde de axudas de 1 millón de euros para a cesión de novo equipamento ás agrupacións de Protección Civil da comunidade e destinará 340.000 euros os seus gastos de funcionamento, ademais de apoiar as actividades do Xacobeo 21-22 nas que participen para garantir a seguridade.